BNG pide a Rueda que “dea a cara” no Parlamento tras a histórica manifestación en defensa da sanidade pública
Critica a negativa do Presidente a dar explicacións no Parlamento e anunciar novas medidas nos medios de comunicación que resultan “pura propaganda”
Rodil anuncia que o BNG solicitará crear unha Comisión de investigación sobre os proxectos industrias do concurso eólico do ano 2010 e a condonación de débedas, por parte da Xunta, a empresas adxudicatarias que incumpriron os proxectos
Esixe “un protocolo” para protexer ás mulleres contra as agresións machistas nos lugares de ocio nocturno
A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil, lamentou que, unha vez máis, o Partido popular impida a comparecencia do Presidente da Xunta tras a histórica e multitudinaria manifestación do pasado domingo en Compostela en defensa da sanidade pública.
Tras a Xunta de portavoces para elaborar a orde do día do vindeiro pleno, Rodil explicou que o BNG leva meses intentando que Rueda “dea a cara” e explique que está pasando coa sanidade pública galega pero o titular do Executivo “non fai máis que esconderse”.
Para a nacionalista, Rueda debe “escoitar o que lle está a dicir a cidadanía galega”, unha cidadanía que deixou moi claro o pasado domingo: “que abonda de recortes, de listas de espera na Atención Primaria e de precariedade do persoal”.
Aínda que o presidente da Xunta intente fuxir, reiterou a deputada, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón preguntará na sesión de control que vai facer? e sobre todo, se vai rectificar a súa política sanitaria que pon en risco a vida de galegos e galegas.
“As competencias en sanidade son da Xunta de Galiza” e o deterioro do sistema sanitario público galego e de “maneira grave” na Atención Primaria son consecuencia das decisións políticas que tomou o Partido Popular desde hai máis de 10 anos, sinalou.
Olalla Rodil tamén considerou que aínda estamos a tempo “de reverter a situación” e de frear a política de “demolición da sanidade pública” practicada polo Partido popular dende hai máis dunha década.
Nesta liña, avanzou que o BNG quere trasladar unha mensaxe de que as cousas non teñen que ser así porque temos “dereito” a unha sanidade pública de máxima calidade e urxe rescatar “á Atención Primaria” para que volva a ser “o corazón do sistema sanitario público”.
Rodil anunciou que o BNG defenderá unha moción para “aumentar o orzamento destinado a Atención Primaria até chegar ao 25% do total destinado á sanidade” e impulsar “de inmediato” un “plan de choque” de 200 millóns para ir compensando os 2.339 millóns acumulados sen investir desde 2009.
Por outra parte, engadiu, o BNG reclama a incorporación de novas categorías profesionais: psicoloxía clínica, terapeutas ocupacionais, logopedas, traballadoras sociais, podólogos, ópticos-optometristas... e rectificar “a intención de que persoal de enfermería preste atención en solitario ante a ausencia de persoal médico garantindo, polo tanto, que todos os PAC conten con equipas completas”.
No pleno, a forza nacionalista interpelará ao conselleiro de sanidade, Julio García Comesaña sobre as listas de espera e preguntará ao goberno sobre a situación da sanidade en dúas comarcas que están a sufrir as consecuencias dos recortes do Partido Popular: Monforte e A Mariña.
Comisión de investigación sobre os plans industrias do eólico de 2010
Noutra orde de cousas, o BNG solicitará a creación dunha “comisión de investigación parlamentaria” sobre os plans industriais e as monetarizacións dos parques eólicos adxudicados no concurso eólico de 2010 e concretamente, sobre o diñeiro que “o Goberno do PP na Xunta lle perdoou ás empresas adxudicatarias”.
O PP leva meses ocultando información ao Parlamento de Galiza sobre esta cuestión. Incluída documentación solicitada polo BNG a través do artigo 9 e queremos, “luz e taquigrafos” e depurar as responsabilidades políticas que se puideran producir neste proceso.
Protocolo no ocio nocturno contra as agresións machistas
Finalmente, o BNG levará unha proposta para impulsar a elaboración dun protocolo fronte ás agresións machistas nos establecementos de ocio nocturno con medidas de prevención, de intervención e tamén formación para o persoal que traballa nestes locais.
A raíz da detención do futbolista Dani Alves explicou a parlamentaria, puidemos comprobar como o protocolo contra as agresións ás mulleres funcionan e axudan na protección das vítimas e tamén na resolución das investigacións. “É necesario que a Xunta impulse, da man do sector, un protocolo a nivel galego e facilite aos locais e ao persoal ferramentas, formación e apoio para garantir que os espazos de ocio sexan lugares seguros.”
Pór un cartel na porta dicindo que un local é un espazo libre de violencias machistas non cambia a realidade, non impide que se produzan situacións de abuso e agresións, e por iso precísamos ferramentas e procedementos claros. “É responsabilidade do Goberno galego garantir que se dispón deles”, concluíu.