O BNG pide unha reunión urxente da comisión de seguimento da AP-9 para avaliar o incendio nas obras de Rande
Luís Bará denuncia “interese lucrativo” de AUDASA para rematar a toda costa as obras e subir o 1% na Ponte de Rande a partir do 1 de xaneiro
O BNG pide que se reúna con urxencia a Comisión bilateral de seguimento da AP-9 da que forman parte o ministerio de Fomento e a Consellería de infraestruturas para “avaliar a situación que se está a producir nas obras da Ponte de Rande” onde esta madrugada un incendio provocou a rotura dun dos tirantes e afectou a un segundo soporte “poñendo en risco a seguridades dos traballadores e persoas usuarias”.
Bará exixe que a Comisión de seguimento “extreme as medidas de seguridade para evitar riscos sobre as persoas” e reclama iniciar as accións necesarias contra a “abusiva subida das peaxes” que pretende “perpetrar AUDASA coa colaboración do ministerio de Fomento”, a partir do 1 de xaneiro.
Ademais, o deputado denuncia prolongadas xornadas laborais dos traballadores en horas nocturnas e condicións meteorolóxicas adversas. Neste sentido, avirte que o accidente ocasionado esta madrugada, responde ao “interese da concesionaria” de rematar as obras “a toda costa” co fin de subir a peaxe o 1% a partir do 1 de xaneiro neste treito.
Para o deputado, a concesionaria prioriza o “interese lucrativo” por riba da seguridade das persoas que traballan nas obras de ampliación da ponte de Rande e mesmo dos usuarios e usuarias da infraestrutura. Por outra banda, Bará denuncia a situación que se está a vivir nas parroquias de San Vicente de Trasmañó e Chapela, no concello de Redondela, polas consecuencias e impacto negativo das obras polo que pide “implementar canto antes as medidas correctoras necesarias”.