O BNG pide retirar o borrador da Axencia Galega do coñecemento da Saúde por "indefinición"

A deputada Montse Prado advirte que a creación da Axencia permitirá ao Partido popular designar cargos directivos de “libre designación” e “colocar persoas afíns” en postos de relevancia. O BNG pide a retirada do texto e iniciar negociacións cos sindicatos e persoal relacionado coa investigación biomédica.

A iniciativa parlamentaria rexistrada pola deputada do BNG, Montse Prado solicita a retirada do borrador de decreto para a creación da Axencia Galega do Coñecemento en Saúde por non definir, na súa opinión, os requisitos necesarios.

A nacionalista alega que o borrador non responde á necesidade de xestionar a formación continua de profesionais do sistema público de saúde, fomentar a investigación nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde,avaliar as tecnoloxías e procesos de servizos sanitarios ou impulsar e coordinar as actividades que en materia de innovación se están a desenvolver..

Por outro lado, engade que nada fai pensar que o o seu obxectivo sexa dotar de estabilidade laboral ao persoal investigador nin que a intención do decreto pretenda dar resposta á situación laboral de irregularidade na que presta servizo este colectivo de profesionais do coñecemento en saúde.

Un borrador trufado de inconcrecións

Para a parlamentaria existen dúbidas, máis que razoábeis, da eficacia do texto para fortalecer a actividade investigadora en saúde en Galiza e resulta incomprensíbel que o decreto non contempla ningunha solución para a estabilidade do persoal investigador contratado polo programa Miguel Servet, cando “a Xunta manifestou este compromiso en varias ocasións”.

Así, o artigo 15 do borrador de decreto, regula que o director da Axencia terá consideración de “alto cargo da Administración da Comunidade Autónoma de Galiza”, con rango de director xeral e que será nomeado polo Consello da Xunta proposto pol@ titular da consellaría á que se adscriba a futura Axencia, pero non establece os requisitos necesarios como contemplan outras axencias: “solvencia profesional, técnica, académica ou científica para o cargo ou experiencia”. Tampouco consta a consideración dos responsábeis de áreas e unidades de xestión, titulación, solvencia , ser persoal sanitario ou non, e con que réxime retributivo.

“O Decreto omite a selección de persoal segundo estipula a Lei da Ciencia de xuño de 2011, resulta tamén estraño que non se inclúa a participación de expert@s, aínda que a actividade especializada con alto nivel de complexidade e a xestión da investigación biomédica debe contar coa súa opinión”

O PP colocará persoas “a fíns” en cargos de alta dirección

Sen establecer requisitos de acceso, parece evidente que a maior preocupación do borrador de decreto, afirma Prado, é proceder á designar cargos directivos de “libre designación”, con contratos de alta dirección ou similares e colocar “persoas afíns” ao Goberno e Partido popular en postos de relevancia.

A través da iniciativa parlamentaria, a deputada instará ao Goberno galego a que retire o proxecto de decreto para a creación da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e propón iniciar unha negociación coas organizacións sindicais representadas na mesa sectorial de Sanidade e o persoal afectado con dedicación á investigación biomédica.