O BNG pide a retirada da proposta "discriminatoria e ideolóxica" sobre a reproducción asistida

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, e a deputada do BNG, Rosana Pérez, solicitaron a convocatoria dunha Deputación Permanente para que compareza a Ministra de Sanidade, Ana Mato, e explique os recortes que está a propór en materia sanitaria, de igualdade e violencia de xénero.

As deputadas do BNG presentaron asemade unha pregunta por escrito na que demandan á Ministra de Sanidade que retire a proposta trasladada ás CC.AA, e que hoxe se aborda no Consello Interterritorial, que acota os tratamentos de reproducción asistida na sanidade pública a “parellas integradas por muller e home con problemas de fertilidade”.

As parlamentares nacionalistas afirman que “estamos ante unha “selección” ideolóxica do Ministerio de Sanidade. A afirmación de “parellas integradas por muller e home” supón unha discriminación para con outras formas de convivencia como parellas formadas por persoas do mesmo sexo ou familias monoparentais”.

Conculca principios da Constitución

Davila e Rosana Pérez piden a Ana Mato que retire esta proposta porque “conculca incluso os principios da Constitución de igualdade de trato e implica unha discriminación por razón de sexo”. Neste sentido, mencionan o fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Asturias que condena á sanidade pública desta comunidade a cumprir co dereito dunha muller lesbiana de poder acceder ás técnicas de reproducción asistida na sanidade pública e ao reintegro das cantidades económicas gastadas pola demandante en clínicas privadas.

As deputadas do BNG pregunta a Ana Mato “por que razón restrinxe o Ministerio os tratamentos de reproducción asistida” e afirman que se trata dun “criterio ideolóxico posto que exclúe ás parellas formadas por dúas mulleres ou mulleres que optan por formar familias monoparentais”.

“Co precedente da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Asturias, non debería o Goberno retirar esta proposta? Vai garantir o Ministerio a non discriminación por razón de sexo e a igualdade de trato no acceso ás técnicas de reproducción asistida?”.

Alarma polos recortes en violencia de xénero

Asemade, Davila quer que a titular de Asuntos Sociais acuda á Cámara a dar explicacións sobre a “alarmante noticia en relación á violencia de xénero, informacións que indican que o Ministerio pretende limitar o rexistro de mulleres vítimas de maos tratos a aquelas que sexan hospitalizadas durante 24 horas”. Para a deputada do BNG “os recortes, os retrocesos que está a levar a cabo Ana Mato nos dereitos das mulleres e en materia de violencia de xénero non teñen parangón. A Ministra debe comparecer na Cámara e aclarar todas estas regresións que só respostan a unha ideoloxía ultramontana”.