parlamento galego

BNG pide a retirada da Lei de Recursos Naturais porque vai aumentar a confrontación social e a inseguridade xurídica

Luís Bará

Luís Bará acusa o PP de presentar unha ‘norma Frankenstein’ que favorece os lobbys empresariais en contra do interese xeral e o coidado do territorio

Critica o “espectáculo lamentable” das forzas estatais coa AP9 e avanza un BNG “firme e pertinaz” ata acadar unha autopista galega e libre de  peaxes

O portavoz de Medio Ambiente do BNG, Luís Bará, avanzou que o BNG pedirá a retirada do proxecto de Lei de Promoción dos Beneficios Sociais e Económicos dos Proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, coñecida como Lei dos Recursos Naturais, porque tal e como está concibida vai aumentar a confrontación social e a inseguridade xurídica, contribuíndo así, na práctica, a paralizar proxectos industriais.

“É un proxecto de lei trampa, cun envoltorio que pode ser atractivo porque fala de distribuír os beneficios dos recursos naturais pero que é unha especie de extorsión porque, vista a confrontación social a algúns proxectos, o que se pretende é construír unha técnica xurídica para intentar dar lexitimidade e apoio a determinados plans industriais combinando a avaliación de impacto ambiental cunha avaliación da repercusión económica na contorna”, asegurou Bará.

O deputado nacionalista advertiu así das “cuestións de dubidosa legalidade” que se establecen no proxecto de lei, como que unha declaración de impacto ambiental poida ser “alterada ou corrixida” por unha avaliación dos beneficios económicos, cando son -dixo- dúas cuestións diferentes que non deberían interferir.

Bará denunciou que na actualidade as empresas promotoras teñen xa “grandes vantaxes” despois dos numerosos cambios lexislativos que levaron a unha “auténtica maraña legal” á que agora se suma esta norma que, entre outras cuestións, permitirá que se poidan facer parques eólicos fóra das áreas de desenvolvemento especifico, de maneira que “calquera solo rural é susceptible de implantar eólicos con determinadas condicións”, denunciou.

Ademais das vantaxes que xa existen para a tramitación de parques en terra, agregou, a norma presentada pola Goberno de Rueda facilitará os proxectos de eólica mariña “fronte aos prexuízos evidentes que ten nos ecosistemas do litoral e na pesca”. Máis en concreto, Bará referiuse ao canon ás liñas de evacuación dos parques mariños que recolle a lei, prevendo un ingreso para a Administración pública de entre 30.000 e 56.000 euros no ano 2031, “cifras absolutamente ridículas diante dos beneficios multimillonarios que van ter as empresas promotoras destes mega parques, dez ou vinte veces máis grandes que os de terra”.  

Bará advertiu así mesmo de que o proxecto que se vai debater no próximo pleno é “unha especie de nova lei encuberta para a minería terrestre”, que se vai beneficiar de “todas as vantaxes e prerrogativas que xa ten a eólica”.

O portavoz de Medio Ambiente cualificou de “lei Frankenstein” o proxecto, porque recolle un “conglomerado de leis reguladoras” con efectos que se estenden dende o sistema de créditos de carbono, ao fondo para recuperación de terreos afectados polos incendios -“para branquear empresas que en parte son responsables da proliferación dos lumes forestais”-. Afecta, igualmente, a proxectos de autoconsumo enerxético ou á regulación do uso de biorresiduos municipais para produción de biogás ou biometano, nunha “operación para poñer toneladas destes residuos nas mans de Repsol, Naturgy ou Sogama”.

Malia todo isto, unha das cuestións máis graves da nova norma, subliñou, é o “auténtico ninguneo” ao Consello Económico e Social, que elaborou un ditame con numerosas recomendacións que o Goberno de Rueda non tivo en conta, entre elas as de crear unha empresa pública de enerxía para xestionar hidroeléctricas coa concesión caducada ou a punto de vencer,  promover a participación da Administración xeral ou do Inega en empresas mixtas con control público, crear un observatorio galego de enerxía renovable, así como unha nova regulación sobre as zonas onde se vaian instalar proxectos industriais e a protección de terras destinadas ao abastecemento e produción de alimentos.

“Comparativamente, a Cámara Mineira de Galiza, a patronal eólica ou Greenalia tiveron moito máis éxito á hora de que as súas alegacións fosen recollidas no texto final”, asegurou Bará, que considerou este feito unha mostra máis do “trato de favor” do PP para favorecer os intereses dos lobbys empresarias en detrimento do interese xeral “e da xente que se defende lexitimamente nas rúas ou nos tribunais”.

As forzas estatais, “siameses políticos na AP9”

Por outra banda, Bará criticou o “espectáculo absolutamente lamentable” de PP e PSOE no “culebrón político” da AP9, unha actuación que considerou “penosa” e que non merece o pobo galego porque ámbalas dúas forzas políticas “se intercambian os papeis en función de quen goberna en Madrid”.

O viceportavoz do Bloque recriminou ás forzas estatais que, cando gobernan, repitan exactamente os mesmos argumentos para rexeitar a transferencia e o rescate da autoestrada galega -“un exemplo claro de siameses políticos”, afeou- e ademais o fagan votando a favor en Galiza e en contra en Madrid “sen poñerse vermellos”. “Acabamos de velo agora co PSOE e vímolo antes co Partido Popular, repítese sempre o mesmo itinerario”, recalcou.

De igual xeito, denunciou “a absoluta falta de rigor” nos cálculos do posible rescate da concesión, tanto polo Goberno do PP presidido por Mariano Rajoy, como agora polo ministro de Transportes, Óscar Puente, do Partido Socialista, o que cualificou de “auténtico escándalo e auténtica vergoña”.   

Neste sentido, Bará avanzou que o BNG “vai seguir firme, constante, insistente, tenaz e pertinaz nesta demanda”. “Non imos ceder nin un milímetro ata conseguir o obxectivo dunha AP9 galega e libre de peaxes”, advertiu, para subliñar a continuación que unha cousa non se pode separar da outra e, aínda que se produzan en fases sucesivas, acadar unha autoestrada galega e libre de peaxes “é unha demanda única e conxunta”. 

Por iso, instou a cumprir o acordado polo Parlamento galego en maio e polo Congreso agora e que “é exactamente o mesmo”, a transferencia da AP9 -“que se faga ademais como pedimos pola vía de urxencia”, recalcou- e que se rescate a concesión, tendo en conta que hai un procedemento aberto pola Comisión Europea que é unha grande oportunidade que hai que aproveitar.

Nesta liña, subliñou o importante papel que debe xogar a Xunta, polo que reiterou a petición do BNG para que tamén “faga os seus deberes” e cumpra co acordo parlamentario remitindo á Cámara galega un estudo coa valoración económica do rescate da autoestrada, para o que dispón de todos os recursos necesarios, tanto xurídicos, como técnicos e económicos.

Bará advertiu aos gobernos central e galego que deben ser “técnicos e xuristas” os que fagan esas contas e as poñan enriba da mesa, se ben recordou que, poñendo na balanza os custes mil millonarios que teñen as bonificacións que se dan á empresa concesionaria, o cálculo “sae a conta, a favor”. 

O viceportavoz nacionalista tamén lembrou que foi o BNG quen pelexou a bonificación das peaxes, que se concretaron en 37 millóns de euros en 2021. “Agora hai un compromiso negociado para seguir incrementando estas bonificacións e tamén para aplicalas á AP-53, quen ten que concretar esa cuestión nos Orzamentos do Estado é o Partido Socialista e o BNG vai exixir que se cumpra este acordo”, incidiu logo de explicar que, dado que a partida reservada para as bonificacións non foi aínda esgotada, “daría marxe para aplicar novas bonificacións sen ter que agardar á aprobación dos orzamentos”.  

“Isto non quita que se dean pasos adiante na transferencia da AP9  pola vía da proposición de lei que se aprobou no Parlamento galego e que se admitiu a trámite no Parlamento do Estado”, sintetizou para advertir que “non se pode ir a debates tramposos”.  “O que non imos consentir son as artimañas que queiran poñer de novo o PP e o PSOE presentando emendas ou pedindo prórrogas -ata 17 pediron na anterior ocasión- para deixar que a proposición de lei morra nos escuros caixóns dalgunha dependencia do Congreso”, concluíu.