O BNG pide a restitución da tarxeta básica e acusa ao Goberno do PP de abandonar ás persoas máis vulnerables ante a crise
BNG, a través da portavoz parlamentaria de Política Social, Olalla Rodil, reclamou a restitución da tarxeta básica co fin de paliar as urxencias das persoas que máis o necesitan e que viron agravada a súa situación pola forte inflación que están a padecer. A deputada denunciou que a Xunta non só non axuda á poboación máis vulnerábel senón que contribúe a empeorar a situación de milleiros de fogares galegos.
Rodil urxiu á Xunta a manter a tarxeta básica e activar medidas diante dunha gravísima situación económica que está a provocar un aumento das persoas en situación de pobreza e risco de exclusión.
"A Xunta non adoptou nin unha soa medida no marco das súas competencias para aliviar a escalada de prezos, senón que retira o pouco que había co cal está a contribuír a empeorar a situación económica de milleiros de fogares galegos", lamentou a deputada, que lembrou que o BNG demandou hai máis dun ano a regulación desa axuda básica para sufragar os gastos en alimentación sen obter ningunha resposta do goberno galego.
A deputada nacionalista criticou a "impasividade" da Xunta cos fogares máis afogados pola crise ao non activar ningunha medida da súa competencia como podería ser a actualización do complemento autonómico das pensións non contributivas ou a RISGA, como tampouco reformaron a lei de inclusión, “ e agora acaban coa única medida que sumou o aplauso de todas as forzas políticas como é a tarxeta básica, unha ferramenta áxil que non estigmatiza ás persoas".
Para Olalla Rodil, a Xunta está a conducir ás persoas máis necesitadas "ao camiño único do banco de alimentos", polo que insistiu na necesidade de regular a Tarxeta básica, un instrumento que naceu na pandemia mais que, segundo defendeu, é urxente na situación económica actual.
“A situación socioeconómica só fixo empeorar, os alimentos básicos son un 11% máis caros que hai un ano e a pobreza aumenta exponencialmente, un 10% en Vigo e un 8% en Santiago, poño por caso", explicou Rodil, que lembrou que o gasto social en Galiza é inferior á media estatal.
Diante desta situación, o BNG insiste en que "é necesario manter a Tarxeta Básica para garantir con carácter de urxencia acceso a produtos de primeira necesidade a poboación en situación de pobreza e risco de exclusión social e darlle un carácter permanente como ponte cara á outras prestacións económicas que tardan en ser tramitadas", como por exemplo a xestión da RISGA, que demora até cinco meses, “un tempo dramático para as persoas en situación de emerxencia", concluíu.