O BNG pide responsabilidade á Xunta para resolver a inseguridade viaria da autovía A-8

A través dunha pregunta parlamentaria, a deputada nacionalista, Ana Pontón pediu á Xunta “menos anuncios” e máis medidas eficaces que garantan a seguridade d@s usuari@s da A-8. Pola súa parte, o director xeral de Infraestruturas recoñeceu os problemas e asegurou que a Xunta está a facer o seguimento dos traballos do Ministerio de Fomento neste asunto

A deputada do BNG, Ana Pontón formulou hoxe unha pregunta na comisión de Ordenación do Territorio para reclamar “medidas” que realmente solucionen o grave problema de seguridade viaria na autovía A-8, entre os concellos de Mondoñedo e Abadín.

Na súa intervención lembrou o accidente producido no mes de xullo no que colidiron 50 coches , 49 persoas resultaron feridas e unha muller morreu. “As causas sinalan a néboa constante da zona que mesmo pode impedir a visibilidade” nun trazado que xa no seu momento foi obxecto de controversia, explicou.

A día de hoxe, dixo, a Xunta limitouse a realizar “anuncios” mentres amosa “desleixo” por buscar unha solución. Por outra parte, engadiu, a alternativa de cortar a A-8 e desviar aos usuari@s á N- 634, non parece a mellor opción considerando que esta vía rexistra fortes néboas e conta con numerosos puntos negros.

Pontón tamén preguntou en que punto se atopa a investigación sobre as causas do accidente do pasado mes de xullo, que actuacións realizou a Xunta para garantir a seguridade na zona e que medidas está a tomar o Ministerio de Fomento sobre o asunto.

A Xunta recoñece os problemas da A-8

Pola súa parte, o director xeral de Infraestruturas, Francisco Menendez recoñeceu os graves problemas mencionados pola nacionalista e asegurou que os traballos seguen o seu curso para ultimar as medidas de seguridade.

“Agardamos que as medidas técnicas previstas polo Ministerio de Fomento sirvan para restablecer a seguridade no momento que estean operativas”, e como o primeiro é a seguridade das persoas, “estamos dacordo co que está a facer o Ministerio e a Dirección xeral de Tráfico e Carreteras, manifestou.

Fomento recomenda pechar a vía 300 días ao ano

Na quenda de réplica, a deputada afirmou que os que teñen a responsabilidade “de gobernar, deben actuar” e non limitarse a observar. Vostedes, dixo, non poden vir ao Parlamento e afirmar que “está todo ben”. A ministra de Fomento, explicou a nacionalista, veu a inaugurar o tramo acompañada de Feijóo e Agustín Hernández definindo a vía como “moderna, eficaz e segura” pero constamos que na súa posta en marcha non existían tales condicións de seguridade para o seu funcionamento.

“Tivo que haber un accidente, con consecuencias dramáticas no mes de xullo, para que se anuncien actuacións” e o grave é que no mes de setembro, “seguimos tendo só anuncios” e a afirmación de Fomento de que a vía pode estar 300 días ao ano pechada.

A parlamentaria asegurou que existen países con condicións climatolóxicas semellantes ás galegas nas que as infraestruturas funcionan. En Galiza, remarcou, “o gran dislate” é investir grandes cantidades en estradas que logo non resultan seguras .