O BNG pide regular o voto das persoas embarcadas e o PP vota en contra
Daniel Rodas reclamou instar ao Goberno español a regularizar de maneira electrónica o voto de persoal embarcado nas flotas de gran altura, altura e mariña mercante
O Partido popular rexeita a iniciativa nacionalista por incluír no texto o termo con urxencia
O deputado do BNG, Daniel Rodas defendeu hoxe na comisión de pesca, unha proposición non de lei para regularizar o voto das persoas embarcadas, iniciativa que o PP rexeitou por incluír no texto o termo con urxencia.
O nacionalista cualificou de hipocrisía non facilitar que calquera cidadán galego, con independencia do lugar no que se atope, poda exercer o seu dereito ao voto polo que volveu reclamar de maneira urxente materializar medidas nesta materia.
O deputado explicou que varios países europeos puxeron en práctica diversos modelos que garanten o voto de mariñeiros embarcados e reclamou para Galiza facilitar este dereito a través de internet.
Neste sentido, lembrou que o uso do carné electrónico garante emitir o voto nos procesos electorais, a pesar de atoparse a centos de millas de Galiza, e un gran número de traballadores galegos deben permanecer longas temporadas no mar. O BNG, recalcou leva presentado iniciativas nos Parlamentos galego e español destinadas a garantir o voto dos mariñeiros embarcados sen que o Partido popular amosara unha mínima vontade para facilitalo.
A actual regulación, dixo, resulta insuficiente, para as persoas embarcadas que non poden exercer o voto entre o período de convocatoria das elección e o día da votación ao non atracar o buque, baixo pavillón español, nalgún porto nesas datas.
O PP vota en contra por incluír a iniciativa nacionalista a expresión mediadas urxentes
A pesar de considerar insatisfactoria a actual regulación e existir un acordo por unanimidade do ano 2007, o portavoz popular, José Manuel Balseiro avanzou que o PP votaría en contra se o nacionalista non retiraba o termo con urxente á hora de reclamar medidas.
Tripulacións mínimas de seguridade
Por outra parte, o deputado do BNG tamén formulou unha pregunta sobre as consecuencias do novo Real Decreto que establece as tripulacións mínimas de seguridade nas embarcacións pesqueiras e de acuicultura.
O parlamentario explicou que a nova medida suporá esblecer como máximo 10 tripulantes na pesca de gran altura e até 1 nas embarcacións de 12 metros así como o enrole de persoal con titulación inferior no ámbito das 200 millas da costa da Unión europea.
A flota galega, dixo, está composta maioritariamente por embarcacións menores de 12 metros que agora poderán ser tripuladas por unha soa persoa cando realice a activade pesqueira á vista e a menos de tres millas da costa provisto do chaleco salvavidas.
Na súa opinión, a regulación está pensada basicamente para abaratar os custes, incrementar as horas de traballo, precarizar a seguridade e minorar a capacidade profesional.