BNG pide recuperar as liñas e horarios do servizo de transporte entre Santiago e Negreira
A deputada do BNG, Iría Carreira preguntou hoxe ao goberno polas medidas para recuperar as liñas e horarios do servizo de transporte público entre Santiago e Negreira.
A parlamentaria explicou que o luns 24 de xaneiro, una nova empresa se fixo cargo do servizo de transporte, cuns horarios que se foron modificando sen previo aviso e obrigando a moitos usuarios e usuarias a quedar en terra ou buscar outras alternativas sobre a marcha para podérense desprazar. “Durante uns cantos días, a información foi moi escasa, sen lugares onde consultala de xeito veraz e accesible e con atrancos para poderen canalizar as súas queixas e reclamacións”.
A deputada afirmou que existen “queixas e reclamacións” sobre unha liña de transporte utilizada por viaxeiras ocasionais pero sobre todo por traballadores e estudantes do IES Xulián Magariños en Negreira, sen adaptación como o IES de Brión e que continua tendo problemas co transporte escolar por “constantes deficiencias” e porque a empresa quere reducir as liñas.
No Parlamento galego lembrou a nacionalista, foron rexistradas máis de 1.200 sinaturas de persoas que manifestaban este malestar e que solicitaban un cambio nos horarios para que ese transporte público poida ser verdadeiramente aproveitado.
Hoxe, explicou, referímonos á comarca da Barcala, pero o certo é que poderiamos aludir á de Barbanza, Ferrolterra, Arzúa ou case de calquera comarca ou localidade galega.
O plan de transporte público de Galiza ten uns principios básicos que non se están a cumprir. O transporte público, dixo, debe facilitar a mobilidade das persoas, fomentar e potenciar o uso prioritario do transporte público e facilitar a intermodalidade e a accesibilidade de xeito que se potencie como unha alternativa sostible fronte ao transporte particular e contribúa á verdadeira vertebración territorial.
Tras a resposta da conselleira de Mobilidade, Ethel Vázquez a deputada do BNG cualificou de “falta de respecto” ás persoas usuarias non seren informadas a tempo do cambio do servizo e dos horarios. Os servizos públicos, recalcou teñen que adaptarse ás necesidades da poboación, e tamén o transporte. Se de verdade se quere dar cumprimento aos principios que recolle o Plan de Transporte Público de Galiza, os horarios dos autobuses teñen que dar servizos ás necesidades que ten a poboación nesa área.
A deputada do BNG concluíu a súa intervención criticando á consellería que debe velar polo funcionamento do transporte público de estar “máis preocupada polas notas de prensa” que por resolver a falta de informacións ás persoas afectadas polos cambios de servizo e horarios.