BNG pide a reapertura do centro sociocomunitario Porta do Camiño de Santiago e dotalo de máis prazas e recursos

Iria Carreira
Iría Carreira apela a un sistema público de coidados centrado nas persoas para garantir o dereito a unha vellez digna e non a servizo dos intereses económicos de empresas públicas

A deputada do BNG, Iría Carreira  formulou unha pregunta ao goberno sobre as previsións de reapertura do centro sociocomunitario de Santiago de Compostela.

Na súa intervención, a nacionalista apelou a un sistema público de coidados “centrado nas persoas” para garantir o dereito a unha vellez digna e non ao servizo de intereses económicos de empresas públicas.

Para a deputada, a pandemia manifestou a urxencia  de contar cuns servizos públicos de calidade na  sanidade pero tamén,  “no  servizo de atención a persoas maiores e dependentes”, neste sentido, lembrou que a día de hoxe o “25% da pobación galega supera os 65 anos”, unha porcentaxe que seguirá aumentando nos próximos anos  polo que é necesario “deseñar políticas públicas dirixidas á poboación envellecida”.

Por outra banda, engadiu que  “cada día vivimos máis, pero unha maior lonxevidade non implica que eses anos sexan con plenas capacidades e facultades”. Carreira explicou que segundo os datos máis recentes a  esperanza de vida sitúase en  Galiza nos 86 anos no caso das mulleres e de 80 nos homes, mais os anos de vida libres de limitacións sitúanse de media nos 79 e 76 anos respectivamente.

A deputada indicou que o acceso a servizos públicos de atención á vellez  resulta “escaso e  deficientemente” e  segundo datos do Foro Económico de Galiza do ano 2020,  o “43,60% das persoas maiores teñen un escaso acceso a centros de día, en contra do que se estipula na propia lei de servizos sociais de Galiza ao non garantírense os principios de equidade e de proximidade”.

Desde o BNG, reiterou a deputada,  temos claro que unha das leccións que se pode extraer do acontecido nestes dous anos é “a necesidade de ter un sistema de coidados público forte e que estea centrado nas persoas e non no lucro económico das empresas privadas garantindo en todo momento o dereito a unha vellez digna”.

Iría Carreira lembrou que o BNG vén defendendo a demanda histórica da dotación dun centro de día para o barrio das Fontiñas, un barrio que aglutina o 10% da poboación do concello  así como  a creación dunha nova residencia de maiores pública, xa que a  da Volta do Castro é  claramente insuficiente. Estas demandas xa foron trasladadas, en reiteradas ocasións, a través de emendas aos Orzamentos da Xunta pero  “o Partido Popular vota sistematicamente en contra”.

 

Neste sentido, preguntou pola reapertura do centro sociocomunitario da Porta do Camiño de Santiago, un  centro dotado con sala de xogos, salón de peiteado, sala de rehabilitación, ciberaula, sala de lectura e cafetería, no que se realizan  actividades coma baile, pilates, pintura, informática, actividades de memoria ou excursións. O centro era  utilizado por un gran número de  usuarias de xeito habitual, ademais doutras que o utilizaban puntualmente e cumpría unha dupla función,  como punto de encontro e de dinamización e socialización dentro do concello.

Dende o comezo  da pandemia, o centro “mantívose pechado e as usuarias foron dirixidas a outros centros que se atoparan abertos”. Mais para moitas delas non é a solución oportuna porque moitas son veciñas do propio barrio e consideran este punto como un elemento de reactivación e dinamización da vida diaria.

Asemade, as concelleiras do BNG, xunto ao goberno municipal demandaron a reapertura á Consellería de Política Social sen que polo momento recibirán algunha  resposta ao respecto.

 A deputada preguntou cando se prevé reabrir o centro, con que servizos e se será resposto o mobiliario que foi retirado.

Tras a intervención do Director  Xeral de Inclusión social, Arturo Parrado, a deputada do BNG insistiu na “prudencia e cautela” para avanzar na desescalada da pandemia pero resulta chamativo que o goberno manteña pechados algúns centros e consultorios e ao tempo nos hospitais públicos continúen ingresando persoas vulnerables na mesma habitación. A deputada cualificou de “incongruente” este proceder e volveu a reclamar a reapertura do centro sociocomunitario como demandan as persoas usuarias e traballadoras que durante dous anos permanecen “nun limbo” e sen resposta para á definitiva reapertura.