BNG pide que o plan de traballo da comisión de investigación sobre os contratos do PP se aprobe por maioría de dous terzos
O BNG presentou hoxe as súas suxestións ao proxecto de normas de funcionamento da comisión de investigación sobre a contratación pública do Goberno do PP con empresas afíns, comisión vetada inicialmente polos populares, pero que puido ser constituída grazas aos 25 deputados e deputadas da formación nacionalista.
Entre as suxestións remitidas á Mesa da comisión, encargada de elaborar o proxecto de normas de funcionamento, o Bloque propón que o plan de traballo a desenvolver pola comisión sexa aprobado “por maioría cualificada de dous terzos” para evitar deste xeito que o PP aplique o rodelo da maioría absoluta.
Así mesmo, a formación nacionalista defende que o desenvolvemento das comparecencias sexa articulado a través dunha resposta individualizada por parte da persoa comparecente a cada un dos grupos mediante a fórmula de pregunta-resposta, empregada no Congreso dos Deputados e Deputadas, cun tempo para cada grupo que non pode ser inferior aos 20 minutos.
Neste sentido, tamén avoga por que se admitan todas as preguntas que formulen os distintos grupos parlamentarios, sempre que estean centradas no obxecto da comisión.
Precisamente sobre o obxecto da comisión, o BNG propón incluír no ámbito de actuación da investigación a contratación da Xunta, incluídos os entes instrumentais, co grupo Eulen entre 2009 e 2024; os procedementos de contratación realizados sen concorrencia, negociados sen publicidade e contratación menor entre os anos 2009 e 2024; os contratos de emerxencia entre os anos 2020 e 2024 (nomeadamente, os contratos de emerxencia da COVID 19 coas empresas Universal Support, Sibucu 360 e Mape Asesores), así como o sobrecusto de 470 millóns de euros na contratación polo sistema de concesión da construción e xestión do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.