BNG pide protexer a Necrópole Megalítica do Monte do Gato afectada polo proxecto de 6 parques eólicos
A deputada do BNG, Mercedes Queixas instou hoxe á Xunta a realizar un “estudo de impacto ambiental” para protexer a Necrópole Megalítica do Monte do Gato afectada polo proxecto de seis parques eólicos.
A proposta do BNG foi rexeitada polo Partido popular.
Na súa intervención, Queixas explicou que os parques eólicos, “tres deles de GREENALIA e tres de GALENERGY”, proxectados no Monte do Gato entre os concellos de Coirós, Aranga e Oza-Cesuras acollerán un total de 40 aeroxeneradores.
A xuízo da deputada, os parques e liñas de evacuación requiren dun estudo conxunto dos efectos, tanto na veciñanza como no patrimonio cultural e natural da zona. Neste sentido, lembra que non foi avaliada esta afectación polo que reclamou sexan aceptadas as alegacións presentadas polo BNG, dos veciños e veciñas e colectivos ecoloxistas para un estudo conxunto do impacto “dun único parque eólico”.
A deputada denunciou que o proxecto non conta cun estudo de impacto natural e patrimonial completo e só atende “ao proceso de execución da obra” e non ás consecuencias entre as que destacou a perda de valor dos terreos, anulación da produtividade agrogandeira,valor paisaxístico e riqueza patrimonial arqueolóxica.
Polo que se refire ao patrimonio cultura os seis parques teñen un forte impacto sobre a necrópole megalítica do Monte do Gato, formada por 29 mámoas catalogadas e dous petróglifos. Se ben, explicou a necrópole foi sinalizada no seu día, na actualidade atópase nunha situación de “evidente abandono” por parte das administracións con competencia sobre patrimonio e obriga legal para a súa conservación e posta en valor.
O macro-parque eólico afectará a 24 elementos patrimoniais, 17 deles cun impacto severo, con vias que pasan a menos de 2 metros de mámoas catalogadas e isto só sería o resultado do estudo de impacto dun dos seis parques sen ter en conta os outros cinco proxectados na zona ao que sumou nin as liñas de evacuación de enerxía, contempladas en proxectos separados.
A deputada do BNG explicou que o Estudo de impacto ambiental propón medidas compensatorias por parte dunha das empresas, ante a grave afección patrimonial que os proxectos representan, entre elas a posta en marcha dun plan de rentabilización do Patrimonio da necrópole, limpeza continuada dos túmulos que a integran, posta en valor mediante elementos didácticos como cartelería e sinalización e desenvolvemento de aplicacións informáticas para dispositivos móbiles con contidos multimedia pero non reflicten “valoración económica nin prazos para a súa execución”. Por outra parte, a análise empresarial, engadiu a nacionalista, “ignora a presenza do Castelo/torre Teodomiro, catalogado como BIC pola Dirección Xeral de Patrimonio”.
Tras a intervención do popular Rodeiro Tato que xustificou legalmente o proxecto eólico, a deputada do BNG preguntou si a Xunta está ao servizo da veciñanza e pola conservación do patrimonio ou ao servizo de grandes empresas que se lucran co vento. Vostedes, dixo, “deixan á sociedade afectada indefensa” e “consenten e promoven o beneficio de empresas disfrazadas de ecoverde”.
A deputada sinalou que a Xunta “fragmenta os parques” incorrendo en fraude de lei como constatan recentes sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, noutros territorios galegos.
Os parques eólicos son un negocio moi lucrativo para os seus promotores e empresas privadas e dende o BNG, afirmou Queixas, dicimos “eólicos si, pero non así”, dende o BNG apostamos pola “enerxía como ben público, sen espolios dos nosos recursos nin depredación do noso territorio”, sentenciou.