O BNG pide un posicionamento do Parlamento para reforzar o uso da lingua galega nos premios e mestrados
Seguindo o trámite parlamentraio co fin de instar ao goberno central a aceptar en galego os traballados de investigación que se presentan ao Premio Arquímedes así como noutras modalidade, a portavoz de Educación do BNG, Olalla Rodil solicitou hoxe, a través dunha proposición non de lei “o posicionamento do Parlamento galego a favor dos dereitos lingüísticos das galegas e galegos e fronte a calquera exclusión ou discriminación lingüística.”
Concretamente, a nacionalista refreríuse á “prohibición de presentar traballos de investigación en lingua galega” para concorrer a premios estatais, “unha vulneración dos dereitos lingüísticos das galegas e galegos que contravén o disposto na Carta europea de linguas minorizadas, subscrita polo Estado español”, recalcou.
Para a deputada, esta circunstancia representa “unha barreira no proceso de normalización lingüística do noso país no ensino universitario.
Por outra parte, se resulta grave o retroceso do galego nas aulas de ensino obrigatorio grazas ao decretazo do Partido Popular e dos usos lingüísticos do galego entre a infancia e adolescencia, a realidade da lingua propia na Universidade é aínda moito máis “preocupante”.
Segundo os estudos da USC no curso 2018-2019, explicou Rodil, o 100% dos docencia nos mestrados impartíuse en castelán, o 75% en graos e o 73% nos resto de departamentos. Nas teses, case o 60% en castelán. O 30% en inglés e o galego (9%) case parello ao uso do acordo ortográfico do portugués (5%). Apenas o 25% dos TFG están redactados en galego.
O Estado español, lembrou Rodil leva XVIII edicións impedindo presentar aos Premios Arquímedes traballos de investigación en calquera outro idioma oficial que non sexa o castelán. Para o BNG isto resulta “inadmisíbel” e merece un “posicionamento claro, rotundo e contundente desta Cámara”.
A deputada reclamou unha “mensaxe clara de todo o arco parlamentar a favor da lingua galega” e dos dereitos lingüísticos das galegas e galegos, en relación a este certame e calquera outro semellante en que se discrimine o galego.
A proposición non de lei defendida pola deputada do BNG foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular