O BNG pide que o pobo tome a palabra nun referéndum ante un Goberno sen lexitimidade

O Goberno Rajoy non ten lexitimidade democrática para aplicar un programa, o do Recortazo, que ninguén votou e que vén imposto por poderes non democráticos nin eleitos polo pobo.

Nestes termos pronunciáronse hoxe en conferencia de imprensa o portavoz nacional e o candidato do BNG á presidencia da Xunta -Guillerme Vázquez e Francisco Jorquera, respectivamente- quen compareceron ante os meios logo dunha xunta extraordinaria da Executiva Nacional convocada para analisar os efeitos do Recortazo.

"O BNG", anunciou Guillerme, "levará ao Congreso iniciativas para que o Goberno do Estado convoque un referéndum. E se non, que convoque eleccións anticipadas. Sería o lóxico e o democrático".

Feijóo demite das súas responsabilidades ao fuxir a América no canto de explicar aos galegos por que lles recorta o seu benestar

"Rajoy non ten lexitimidade democrática para aplicar medidas que non contan con ningún aval cidadán porque el nas eleccións se presentou con outro programa. O que pedimos é que as e e os cidadáns tomen a palabra"

O BNG vai lanzar unha "auténtica ofensiva social" contra o Recortazo. "Rajoy pide comprensión. Pois ben: ningunha comprensión. Oposición frontal. Rebelión. Insumisión", clamou Guillerme, quen anunciou que o BNG estará na rúa, acarón da maioría social que vai ser quen pague en solitario a factura da crise.

Jorquera descualificou o Recortazo non só por ser absolutamente contrario aos intereses da maioria da poboación, senón por ser inútil para superar a crise. Antes ao contrario, "con estas medidas pasaremos da economía da recesión á economía da depresión", criticou, "e nin sequera servirán para recortar o déficit porque coa depresión cairán os ingresos públicos".

Monarquía

O candidato do BNG á presidencia da Xunta criticou tamén o que cualificou de "utilización espúrea" da Monarquía por parte do Goberno do Estado (hoxe El-Rei preside o Consello de Ministros), utilización que é posíbel "grazás á cumplicidade de El-Rei", reprobou.

Denunciou tamén a atitude absolutamente repudiábel das e dos deputados do PP que no Congreso aplaudiron a adopción de medidas que prexudican gravemente á inmensa maioría da xente, "con expresións tan incualificábeis como a de que se jodan", dixo.

Aplausos a medidas antisociais, aplausos á guerra 

Esas imaxes lembráronlle ao líder nacionalistas outras do mesmo teor protagonizadas pola bancada popular, cando, sendo Aznar presidente do Goberno, romperon a aplaudir o desencadeamento da ilegal guerra en Iraque, conflito saldado coa morte de miles de civís inocentes.

Fuxida de Feijóo, obediente a Génova

Jorquera tamén tivo palabras para avaliar o voto favorábel da Xunta de Galiza ao Recortazo que o Goberno Rajoy impón á Administración galega, no Consello de Política Fiscal e Financeira celebrado onte.

"Feijóo prima a súa obediencia aos ditados de Génova aos intereses de Galiza. Feijóo ten a mirada máis posta en Madrid que en Galiza e na situación actual aínda por riba foxe a América Latina", dixo Jorquera. "Feijóo demite das súas responsabilidades cando foxe a América no canto de explicar aos galegos por que lles recorta o benestar", denuncia.

A débeda das comunidades, só o 19 por cento da total 

Jorquera estima que non hai ningunha razón para impor á administración galega un novo recorte. "O déficit das comunidades autónomas é inferior á percentaxe do gasto que teñen que administrar e a súa débeda é en termos relativos moi inferior á da Administración central, apenas é o 19 por cento da débeda pública total", ilustrou o candidato nacionalista.

Así as cousas, o Goberno do Estado utiliza a crise como coartada para impor as súas políticas centralistas -evidentes ao reforzar as deputacións-, políticas que ademais son antisociais porque, salientou Jorquera, "a Xunta administra precisamente os peares básicos do Estado social".