O BNG pide á Xunta un plan urxente de xestión do xabaril para protexer as explotacións agro-gandeiras
Mini Rivas denuncia que as batidas non solucionan o problema e reclama un teléfono operativo para realizar as denuncias e abrir unha liña de axudas para zonas afectadas
O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas volveu levar hoxe ao Parlamento galego as queixas e descontento dos gandeiros e agricultores ante “a inacción do goberno galego” nas consecuencias dos ataques do xabaril en explotacións agrogandeiras.
Rivas explicou que o ano 2018 é probablemente un dos mellores da década na produción de millo, tanto forraxe como de espiga pero tamén o ano no que se rexistrou un “un gran número de estragos provocados polos ataques do porco bravo”.
O parlamentario lembrou que o millo forraxeiro é esencial para rebaixar os custes na produción do leite, e os danos do xabaril esténdense tamén ás praderías para pasto ou silo pero dende o ano 2016 “non hai axudas” e a poboación da especie medra paralelamente ás batidas, medida que cualificou “de disparate” porque agrava o problema, máis a consellería, dixo “permanece de brazos cruzados” e sen abordar un plan serio para controlar a poboación do xabaril a excepción de “batidas, lazos e venenos clandestinos”.
Por outra parte, o nacionalista explicou que o teléfono para recoller as denuncias dos ataques “non funciona nunca” e reclamou habilitar urxentemente un servizo de recepción de queixas asequible e sinxelo para non atrancar a comunicación da persoa afectada coa consellería.
Rivas tamén reclamou abrir un fondo de danos e unha liña de axudas para compensar as perdas económicas ocasionadas polo porco bravo, incluídas “as producidas nas colleitas e rehabilitación das zonas afectadas”.
Trala resposta da directora xeral de Patrimonio natural, Ana Diaz que recoñeceu o grave problema da elevada poboación e ataques do xabaril, o parlamentario do BNG pediu un compromiso real do goberno porque, dixo, “son 15.000 pezas cobradas nas batidas” de cazadores ao ano e un recente estudo afirma que calquera especie que sofre unha mortalidade esaxerada, reacciona cunha grande reprodución. Rivas recriminou á directora de Patrimonio natural que non existan axudas e que o teléfono para denunciar non se atope operativo polo que volveu reclamar un servizo operativo “un plan de xestión do xabaril” e abrir as axudas.