O BNG pide un plan de infraestructuras sanitarias racional

A viceportavoz do GP do BNG, Ana Luisa Bouza, anunciou este martes que pedirá á consellería de Sanidade que poña sobre a mesa un Plan racional de Infraestructuras sanitarias, que recolla realmente cales son as necesidades e posibilidades de construción de novos proxectos en Galiza.

Ana Luisa Bouza presentou en rolda de prensa esta proposta logo do anuncio de Feijóo da licitación de 15 novos centros de saúde, un anuncio que non é novo, explicou a deputada, que se repetiu ao longo da lexislatura mais neste caso cunha novidade, a renuncia á financiación público-privada a favor só da pública.

Para a deputada nacionalista, Feijóo está a recoñecer explicitamente o fracaso deste modelo de financiación, “un fracaso máis en todos os que leva acumulado ao longo da lexislatura”, que non pode ficar agachado tras o “maremagnum” de medidas como o medicamentazo, o caos na aplicación do copago, o desabastecimento de medicamentos, etc que se está producindo estes días.

Se Feijóo recoñece o fracaso da súa aposta pola financiación público-privada da sanidade ten que renunciar aos proxectos previstos con este sistema, como os Hospitais de Vigo e Pontevedra

Coello na chisteira

Bouza cualificou a licitación destes novos centros de “coello na chisteira” do presidente da Xunta, dunha máis das súas “promesas periódicas”, con tintes electoralistas neste caso, que se suma á previsión de 22 centros por 32 millóns de euros que fixo en 2010 e á de 18 centros por 233 de 2011, que obviamente aínda non se acometeron. A parlamentar nacionalista rexistrou distintas iniciativas para coñecer os detalles do anuncio deste ano, do pasado 29 de Xuño, mais advertiu que non semella moi razonábel falar de crear novos centros ou ampliar hospitais cando se están pechando camas e quirófanos porque non hai médicos para atendelos e cando non se está dotando de máis persoal aos centros existentes .

Neste contexto, reiterou que o máis razoábel sería elaborar un Plan de infraestructuras pero acorde coa realidade, non só a orzamentaria senón tamén das necesidades da sanidade galega nestes momentos.

Vigo e Pontevedra

Asemade, a deputada do BNG considera necesario, e así o fai constar tamén nas iniciativas rexistradas, que se renuncie ao Hospital de Pontevedra e se estude o custo de resctar o Hospital de Vigo para o sistema público.

Sobre o Hospital de Pontevedra, explicou que non ten sentido algún seguir adiante coas expropiacións e continuar, por tanto, co gasto de cartos públicos nun proxecto sobre o que non hai garantías sobre a súa construción, pois estaba previsto co financiamento público-privado ao que Feijóo, finalmente, tivo que renunciar pola súa inviabilidade e porque,como sempre denunciou o BNG, hipotecaba as arcas da Xunta para o futuro.

Sobre o Hospital de Vigo, urxiu que se estude ese rescate para o sistema público, pois canto máis tempo se tarde máis costará e advertiu de que nestes momentos o seu prezo xa está desfasado respecto as previsións orixinais. Asemade, explicou que non é de recibo que a constructora diga que precisa 8 millóns de euros máis só para os cimientos, “por iso cómpre pórlle freo canto antes “.