O PP négase a mediar na negociación do convenio colectivo da conserva para acabar coa fenda salarial
BNG defendeu no Parlamento galego unha iniciativa para que a Xunta se involucre activamente na consecución dun pronto acordo na negociación do convenio colectivo da conserva, comezando por realizar unha rolda de contactos coas partes negociadoras, e para que despregue todos os seus medios e recursos co fin de que esta negociación remate definitivamente coa discriminación salarial de xénero agochada na segregación por sexos dos postos de traballo e as diferenzas retributivas entre persoal de produción, maioritariamente mulleres, e persoal de oficios varios, maioritariamente homes.
Así o reclamou a portavoz nacionalista de Pesca, Rosana Pérez, nunha iniciativa na que tamén reclamou que o Goberno galego impulse de cara ao futuro un convenio sectorial de ámbito galego e que, pese aos argumentos do Bloque, foi rexeitada polo PP. “Non estamos a falar de nada que non estea ao alcance do Goberno galego -reprochou Pérez ante esta negativa-, estamos a dicir que se involucre, que manteña contactos coas partes, que tente achegalas; estamos dicindo que medie”.
Neste sentido, recordou que o sector emprega en Galiza a case 12.000 traballadores e traballadoras, das que preto dun 80% son mulleres, e suma unha cifra de negocio superior aos 3.300 millóns de euros con máis de 160 empresas, o que sitúa ao País á cabeza do Estado. Con estas cifras, a deputada nacionalista avogou por impulsar a futuro un convenio de ámbito galego, tal e como fai Euskadi, que vén de aprobar no convenio vasco do sector unha suba conxunta do 14,39%, fronte ao entre 0,5 e 3% ata 2024 que propón a patronal na negociación do convenio que se está a negociar a nivel estatal.
De igual xeito, Pérez reprochou ao Executivo de Núñez Feixóo que presuma de firme compromiso coa igualdade cando “non abre a boca e mira sistematicamente para outro lado” cando no sector conserveiro as auxiliares (mulleres) cobran con respecto aos auxiliares (homes) 850 euros menos ou cando un axudante de persoal de oficios (home) ten un salario maior que unha mestra de conserva (muller) que é unha categoría superior.
“O firme compromiso do Goberno galego haberá que aplicalo”, censurou, para a continuación apuntar ás “axudas millonarias” que a Xunta destina ás empresas do sector que se ben, poden contribuír á xeración de emprego, a Administración Feixóo non vixía nin “en que condicións están eses novos postos de traballo” nin a fenda salarial. Segundo subliñou, “un goberno non pode dar subvencións para que as empresas non fagan partícipes ás e aos seus empregados” dunhas condicións de traballo dignas e, neste sentido, concluíu afirmando que “dalgunha maneira ese empresariado terá que devolver á sociedade o que a sociedade lle dá”.