O BNG pide que o Parlamento galego se pronuncie contra o secuestro das nenas en Nixeria

Cámara galega

O grupo parlamentario do BNG reclama conxelar as relacións comerciais do Estado español con Nixeria se as nenas secuestradas polo grupo integrista "Boko Haram", non son liberadas

O Grupo parlamentario do BNG reclama no Parlamento galego instar ao Goberno español a iniciar as accións necesarias para conxelar as relacións comerciais con Nixeria e suspender a celebración da Misión comercial Sernauto, prevista no mes de maio, se as nenas nixerianas “non son liberadas do seu secuestro”.

A través dunha Proposición non de lei, os deputados e deputadas do BNG cualifican de “arrepiante” o secuestro de máis de 200 nenas na escola feminina de Chibok acusadas de querer estudar e ir a escola e cualifican de “tibia” a axuda internacional e recursos para o seu rescate.

O BNG quere amosar a súa “maior condena” a este feito e reclama que se activen todos os medios internacionais para liberar as nenas sometidas no seu cativerio a violación dos dereitos máis fundamentais e ameazadas de seren vendidas como escravas.

O Grupo parlamentar do BNG pedirá na Cámara galega un pronunciamento de todos os grupos contra esta “barbarie” e instar ao Goberno español a conxelara as relacións comerciais entre Nixeria e España e manter en suspenso a Misión comercial directa a Nixeria 2014 –(SERNAUTO) prevista para os días 19-25 de maio en Lagos, Nixeria.