O BNG pide no Parlamento "botar fóra da Galiza aos ocupas do Pazo de Meirás"
Acabar con ese “pozo negro da democracia” é unha débeda coas vítimas do franquismo e en defensa da dignidade colectiva, alega
Para saldar unha débeda coas vítimas e pola defensa da dignidade colectiva como pobo, o BNG reclamar poñer fin ao “pozo negro” da democracia que supón que, corenta anos despois do espolio, o Pazo de Meirás sega en mans da familia Franco e se teña convertido nun parque temático de exaltación da figura do ditador.
Por iso, a formación nacionalista presentou unha proposición non de lei na que reclama declarar á familia e á Fundación Franco non gratas en Galiza, instar ao Goberno central á ilegalizar esta entidade, conceder ao Concello de Sada a organización das visitas ao Pazo de Meirás en substitución desta fundación apoloxética do Franquismo, e solicitar a adhesión da Xunta á comisión creada pola vicepresidencia da Deputación da Coruña para a devolución do pazo ao pobo galego.
“É un disparate que teñamos que vir corenta anos despois do franquismo a falar deste tema no Parlamento”, criticou Bará, “e temos unha oportunidade de botar fora de Galiza a familia Franco, á fundación que leva o seu nome e a todos os seus cómplices porque son os ocupas de Meirás, ladróns e herdeiros do terror, porque son unha ofensa á memoria das vítimas e a nosa dignidade colectiva”.
O deputado nacionalista instou a aproveitar esta oportunidade de facer xustiza “que se negou na Transición tan pouco modélica”, que consolidou os privilexios e o “espolio a gran escala” da familia Franco.
“Alguén se imaxina unha Fundación Mussolini de exaltación do ditador e de xestión dos bens roubados”, interpelou o deputado tras asegurar que non se trata dun debate xurídico ou técnico senón democrático e, neste sentido, considera innecesario a comisión de estudio que defende o PP.
“Non hai nada que estudar porque o espolio está amplamente documentado, non hai que estudar o espolio, senón a forma legal para a devolución ao pobo galego do que foi roubado”, declarou.
Tal como fixera previamente a portavoz nacional na pregunta de control ao presidente da Xunta, Bará reclamou poñer fin “á rapina e á extorsión continuada do Franquismo en Galiza, da que o Pazo de Meirás e un exemplo, pero hai máis, como as esculturas do Pórtico da Gloria ou o Pazo de Cornide”.
O deputado lamentou a postura do PP e a súa posición morna cos herdeiros do ditador, cualificando de “aberración” que se atrevan a comparar “a quen quere colocar urnas para votar cos que perpetraron un xenocidio”, o que radiografía a faciana do Partido Popular.
“O respecto ás vítimas demostrase con feitos, parécelle que é respecto que Rajoy presuma de non gastar nin un só euro na aplicación da Lei de Memoria Histórica mentres deron 53.000 euros á Fundación Franco, ou converter o Pazo de Meirás nun parque temático do Franquismo, parécelle iso un recoñecemento das vítimas?”, interpelou, tras aludir ao “vicio de orixe do PP que na súa fundación como Alianza Popular coreaba o grito de Franco, Franco, Franco”.
Na súa proposta, o Bloque tamén solicitaba a elaboración dunha lei galega da memoria histórica que, como o resto das iniciativas, foron vetadas polo PP.