O BNG pide modificar a normativa para que a caza non sexa considerada unha actividade deportiva
O deputado do BNG Luís Bará pediu hoxe unha modificación da normativa para que “a caza non sexa considerada unha actividade competitiva e deportiva”. Ademais, preguntou polos convenios asinados pola Secretaria xeral para o deporte e a consellería de Medio Ambiente coa Federación Galega de Caza dende os anos 2016 ao 2020 por un valor de 269.493 euros, desglosados en, “144.000 da secretaria xeral para o Deporte e 125.000 da consellería de Medio Ambiente”.
O parlamentario criticou o “trato preferente e exclusivo” do goberno galego coa Federación galega da caza con convenios para campionatos deportivos de caza e financiamento de campionatos de caza de raposo que o deputado cualificou de “campionatos de matanza”.
Durante a súa intervención, amosou diversas fotografías con camionetas de transporte cun gran número de raposos mortos e posados de cazadores. Esta caza, recalcou é “moi violenta e agresiva” e con cans adestrados. Esta actividade, reiterou, é “cruel e anacrónica” e pretenden xutificala como campionatos competitivos como se fosen campionatos de fútbol en diversas fases.
Campionatos da caza do raposos vs matar por matar
A caza do raposo consiste, explicou o deputado do BNG, en cazar o maior número de pezas entre varios concellos mesmo “sen a autorización preceptiva” dos concellos implicados e lembrou que existe un acordo plenario, por unanimidade do ano 2018, instando ao goberno galego a modificar a normativa para impedir estas prácticas e retirar o apoio económico e institucional. Pasado o tempo, dixo, Bará, temos que lamentar que continúe a organización de campionatos definidos pola Sociedade galega de historia natural como “ campionatos que consisten en matar por matar”. Esta actividade non é social nin cinexética, e mesmo algúns colectivos de cazadores mostraron o seu rexeitamento ante a mala imaxe que dan.
Bará matizou que o BNG non pretende dar o debate caza si caza non, o que que queremos e que rematen algunhas prácticas “condenables” e o trato de favor da Xunta coa Federación galega de Caza como a emisión dun informe da secretaria xeral para o deporte autorizando a mobilidade entre concellos pechados perimetralmente pola pandemia. As consecuencias deste despropósito tivémolas nos contaxios de cazadores.
Tras a intervención do director xeral, José Ramón Lete, o nacionalista volveu a criticar “o trato de favor da Xunta coa Federación galega de caza” e mostrou a súa sorpresa polo descoñecemento amosado por responsable do deporte sobre o acordo plenario ao que o deputado fixo referencia na súa primeira intervención.
Finalmente, o parlamentario do BNG volveu a reclamar o cumprimento do mandato parlamentar e paralizar os vindeiros campionatos da caza do raposo. “Deixen de subvencionar esa masacre”, sentenciou.