O BNG pide unha mobilización masiva o 1 maio contra o roubo de dereitos laborais

Manifestación da CIG en Vigo

Ana Pontón denuncia máis paro, precariedade e emigración tras dez anos de Feixóo e a perda de 100M€ en políticas públicas de emprego en 2017

O BNG demanda unha resposta “galega” á situación de paro, precariedade e emigración consecuencia do roubo de dereitos laborais e do centralismo político do PP e, por iso, insta a unha mobilización masiva no Primeiro de Maio para seguir na rúa a contestación, mesmo sen descartar a opción dunha folga xeral como valora o sindicato nacionalista CIG.

“A cacarexada recuperación económica non trouxo emprego de calidade, por contra, os dez anos de Goberno de Feixóo tradúcense en máis paro e precariedade, máis desigualdade para as mulleres e mais emigración xuvenil”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, e iso nun contexto de medre do PIB “que non chega á clase traballadora debido ás políticas que recortan dereitos e a un centralismo que discrimina a Galiza”.

Por iso, subliñou Pontón, “é clave a mobilización para erguer desde aquí unha alternativa que deixe atrás esta situación de paro, precariedade, emigración e discriminación da muller”, sen descartar mesmo “a proposta impactante da CIG dunha folga xeral, mentres non se dean pasos para mudar ese roubo de dereitos á clase traballadora pero tamén ás persoas pensionistas no noso país”.

A situación de emerxencia social e nacional, agudizada polo “modelo centralista do PP”, ten un reflexo evidente nos datos do mercado laboral tras dez anos de Goberno de Núñez Feixóo.

Desde a súa chegada á Xunta en 2009, hai 25.500 persoas máis no paro, a taxa de actividade e de ocupación experimentaron fortes descensos, no 1ºT de 2009 había 1.170.300 persoas con emprego e no 1ºT trimestre de 2018 hai 120.200 postos de traballo menos en Galiza. A contratación eventual aumentou e esta tipoloxía de contratos pasou de representar o 37,6% no 2009 a ser o 48,9% do total en 2017.

A xente moza e as mulleres, entre as máis prexudicadas. A ocupación entre as persoas de 16 a 34 anos caeu un 41,7%, o que significa 161.200 mozas e mozos menos ocupados nun país cunha situación demográfica calamitosa.

En canto á discriminación de xénero, a taxa de actividade das mulleres está 8,7 puntos por baixo da dos homes, desde o 1ºT de 2009 hai 29.700 ocupadas menos o que se plasma nunha menor taxa de ocupación e unha maior taxa de paro, e todo sen esquecer unha fenda salarial pola que as mulleres cobran de media 4.513€ menos.

Programas sen execución

Con este mercado de traballo, a Xunta deixou sen executar nos orzamentos de 2017 un total de 100M€ en diferentes partidas e programas que tiñan como finalidade o fomento e a promoción do emprego. “É de xulgado de garda que neste contexto teñamos un Goberno que non é capaz de executar os orzamentos que poderían crear emprego, dinamizar e modernizar a economía galega”, criticou Pontón

Así, partidas e programas como a Mellora na cualificación no emprego deixou un 93% sen gastar; Formación profesional de desempregados, quedou no caixón un 51,1% dos recursos previstos; na partida de Mellora e fomento da empregabilidade, non se executou un 43,8% e na Promoción do emprego autónomo e do mercado de traballo inclusivo, a Xunta non executou o 40%.