O BNG pide mellorar a seguridade do porto de Malpica e unha base operativa de salvamento na Costa da Morte
“Solucións técnicas hainas, querémolas. Nin un morto máis”, reclamou Prado, tras criticar a falta de concreción de prazos por parte da Xunta
Asume as peticións da familia do patrón falecido, presenta no Parlamento, cuxa nai enviou unha carta aos grupos políticos
O BNG trasladou ao Parlamento as deficiencias en seguridade que están detrás do accidente mortal no peirao de Malpica o pasado 20 de decembro, cando o pesqueiro O Silvosa afundiu dentro da propia dársena provocando a morte do patrón da embarcación, José Angel Sanjurjo.
Botando man da carta que a nai do falecido enviou aos grupos parlamentarios, a portavoz de Pesca, Montse Prado, demandou que se adopten as solución técnicas necesarias para evitar novos sinistros ao tempo que trasladou toda a solidariedade do Bloque a familia, presente no Parlamento durante a pregunta formulada á conselleira de Pesca, Rosa Quintana.
“A súa morte é especialmente dolorosa porque neste caso púidose evitar. A entrada á nosa dársena foi deseñada de tal xeito que se forman a cotío correntes e remuíños que provocan un perigo innecesario todos os días e para todas as embarcacións”, explica a nai do patrón falecido na misiva, quen tamén remitiu un vídeo “de como deben realizar a entrada e a que velocidade para non ficaren atrapados nesta trampa mortal calquera día no que haxa un mar un pouco forte, que como saben son moitos nas cosas costas”.
O BNG, salientou Prado facendo súas a petición da familia, “solicita á Xunta e ao Goberno central que realicen un estudo e ofrezan unha solución para que ningún mariñeiro volva a morrer nas portas da súa casa, coma quen di, e nunha manobra rutineira”.
“Solucións técnicas hainas, querémolas. Nin un morto máis”, reclamou a deputada nacionalista, quen reprochou a Quintana, “a falta de concreción e de prazos” para corrixir as deficiencias de seguridade do Porto de Malpica.
“Queremos prazos porque as promesas non son máis que iso e estamos demasiado afeitas a que as promesas non se cumpran. Sabíase do risco, non se fixo nada, sumámonos ás peticións que chegan de Malpica e non estamos dispostos a asumir que o risco e a traxedia é algo inherente ao traballo do mar”, argumentou Prado.
A deputada do Bloque tamén fixo referencia a desprotección dos traballadores do mar, como quedou de manifesto o pasado decembro con dous naufraxios en apenas 24 horas que cobraron a vida de cinco mariñeiros, o xa mencionado en Malpica e o cerqueiro Sen Querer 2 á altura do Cabo Fisterra con tres mariñeiros mortos e un desaparecido.
“Máis dun mes despois a Xunta non nos ten facilitado ningunha información do acontecido”, reprochou, “e pon en evidencia o desprotexidas que están as nosas costas, a falta de medios, e o dilatado dos tempos de resposta dos servizos de salvamento”.
Tempos de resposta
Prado referiuse en concreto a base de salvamento marítimo de CEE, pechada desde hai catro anos, “arredor de dous millóns de euros malgastados nun heliporto e nunha nave inoperativa e coas instalacións pechadas, ao que hai que sumar os trece millóns de euros da adquisicións dun helicóptero que agora ten a súa base en Santiago a 70 quilómetros da costa, todo un despropósito”, criticou, que demora os tempos de resposta.
“Hai que preguntarse porqué se afunden os pesqueiros pero tamén porqué morren os mariñeiros, por que afundirse non é sinónimo de falecemento, hai que preguntarse cal é a axilidade dos medios de salvamento, cantos temos, onde están ubicados ou cales son os tempos de resposta dos medios aéreos. Hai que saber as respostas e poñer os recursos”.
“Atenda ás demandas que chegan desde Malpica, pero con prazos, e traballe para dotar un salvamento marítimo acorde ás necesidades da nosa frota e dote dunha base operativa na Costa da Morte para salvar vidas”, concluíu Prado.