O BNG pide mellorar as condicións laborais e salariais das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar
A deputada do BNG, Olalla Rodil criticou a política de “feitos consumados” utilizada polo Partido popular comunicando aos concellos o día 7 de decembro unha ampliación en máis dun millón de horas do Servizo de Axuda no Fogar vinculado á Lei de dependencia para o 2021.
Para a deputada, a Xunta “ten o mal costume” de tomar decisións que afectan aos concellos e preguntou en que condicións se está a prestar hoxe o SAF, como se financia, se xestiona e sobre todo que debe mudar para garantir a máxima calidade na atención das persoas usuarias e nas condición laborais e salariais das traballadoras. Case 24.000 persoas usuarias en 2019 son atendidas nos seus domicilio, nun servizo fundamental ligado á dependencia pero cunha cobertura inferior a media estatal, un 2,98 fronte ao 3,99 por persoa usuaria maior de 65 anos, engadiu a nacionalista.
Diálogo e negociación cos concellos
Tras destacar a relevancia do Servizo de Axuda no Fogar denunciou “a precariedade” laboral e salarial das súas traballadoras e propuxo revisar o servizo baixo dous obxectivos: Reclamar á Xunta diálogo cos concellos a través da FEGAMP para que “calquera modificación substancial, tamén o incremento de horas, parta dun diálogo e dunha negociación” e unificar as condicións na prestación do servizo na procura da máxima calidade. Na súa opinión é necesario mellorar as condicións laborais das traballadoras nun servizo “moi feminizado” como todos os relacionados cos coidados. Este carácter fai que o servizo sexa “precario e desvalorizado” ademais de invisible a pesar de redobrar a actividade durante a pandemia.
Por outra parte, a iniciativa nacionalista incluía o “incremento da achega da Xunta para axustala ao custe real do servizo garantindo un salario digno ás traballadoras”. A Xunta, dixo a deputada do BNG, debe revisar os criterios de financiamento do SAF atendendo aos dereitos laborais e salariais das traballadoras e a criterios como a dispersión poboacional, desprazamento, Qm, combustible… Os 9,7 euros/ hora que aporta a Xunta é unha cifra totalmente “insuficiente” se temos en conta que o custe real do servizo oscila entre os 18 e 23 euros/hora (datos do Colexio de Traballo Social de Galiza no informe A verdadeira cara do SAF, publicado en novembro de 2020”, explicou Rodil. Para a deputada, o financiamento á baixa da Xunta favorece a precariedade e que moitas traballadoras do SAF perciban un salario por baixo do que marca o convenio colectivo, caducado desde 2011. Esta diferencia entre o custe real do servizo e a achega da Xunta nas horas de dependencia é asumida directamente polas administracións locais e as persoas usuarias pagan en función da súa renda e patrimonio.
Na súa intervención, Rodil tamén reclamou modificar a normativa para esixir ás empresas (SAF xestión privatizada) o incremento de persoal técnico coordinación e redución das rateos de usuarias/os por traballadora/or social, e mellorar as condicións laborais para permitir a conciliación. Pero estas melloras tamén pasan por crear protocolos de prevención e intervención fronte a situacións cada vez máis habituais de discriminación, de agresión sexual ou mesmo racismo incorporando na normativa as modificacións necesarias para suspender o servizo –con garantías e seguridade xurídica-- de se producir casos de agresión, violencia machista ou discriminación.
Finalmente, a nacionalista defendeu “fortalecer os servizos de coidados e atención a persoas dependentes, sobre todo aqueles de proximidade que permitan ás persoas usuarias quedar na súa casa”, porque é un dereito e o benestar social é un “grande xerador de traballo” pero con emprego profesionalizado e de calidade. A proposta nacionalista foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.