BNG pide a Medio Rural que respecte a sentenza do TSXG que dá a razón ao sector gandeiro e impugna o requisito de máis de 10 vacas por explotación para acceder ás axudas
O portavoz de Agricultura do BNG, Xosé Luís Rivas preguntou ao titular de Medio Rural que vai facer o goberno ante a sentenza do TSXG que dá a razón ao sector gandeiro e recoñece “o dereito das persoas titulares de explotacións de vacún de menos de 10 unidades, que non sexan de autoconsumo e teñan declarados ingresos pola actividade, a ser beneficiarios das axudas reguladas na orde impugnada”.
O deputado do BNG, lembrou que o 28 de outubro do 2020 publicouse a Orde pola que se establecían as bases reguladoras para a concesión de Axudas Temporais e Excepcionais aos Sectores Agrarios máis desfavorecidos polos efectos da Covid 19.
Estas axudas, indicou o nacionalista, viñan cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER). Na orde, establecíase de “ xeito arbitrario”, coma condición para o seu acceso que a explotacións tivesen “máis de 10 vacas nutrices”.
O deputado cualificou de “disparate” este requisito e unha “ofensa” para o sector que foi amplamente contestada desde o BNG a través de diversas iniciativas e preguntas ao goberno así como por diversas organizacións agrarias.
Este despropósito, recalcou o nacionalista, “bloqueaba o acceso ás axudas a máis de 10.000 pequenas explotacións galegas de carne”, máis da metade das que hai en activo.
Ao seu xuízo, a situación xerada resultaba “esperpéntica” porque negaba que existían as explotacións ou que xestionaban o territorio ademais de significar, na maioría dos casos, “un ingreso complementario para as familias” que manteñen a súa vivenda e actividade en zonas desfavorecidas en Galiza.
Fixeron vostedes, dixo, “mofa e escarnio” e unha evidente “afronta ao rural”. Foi un proceder “discriminador, arbitrario e incompresible” e contrario ás recomendacións de Europa.
Abandonen os “discursos baleiros e loas fáciles” sobre a necesaria protección e potenciación das pequenas explotacións familiares porque despois con feitos demostran todo o contrario.
Na súa intervención, Rivas lembrou que o Sindicato Labrego Galego acudiu ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que fallou a favor do sector polo que preguntou que vai facer agora Medio Rural ante a sentenza xudicial? Van a recorrela ou polo contrario van rectificar?
Pola súa parte, o conselleiro de Medio Rural non se pronunciou sobre as cuestións formuladas polo nacionalista e respondeu co anuncio dunha campaña de 1,4M€ para poñer en valor a excelencia da carne de tenreira galega.