BNG pide a Medio Rural que rectifique sobre as axudas denegadas para a produción ecolóxica
Mini Rivas exixe “dimisión” do conselleiro polo dano provocado ás persoas afectadas e afirmou que as declaracións do conselleiro enxalzando a produción ecolóxica representan unha “burla” a máis de 200 produtores e produtoras ás que despois denega as axudas
O portavoz de Agricultura do BNG, Xosé Luís Rivas recriminou ao conselleiro de Medio Rural a súa falta de compromiso coa produción ecolóxica e acusouno de mentir aos produtores e produtoras ao asegurar unhas axudas que finalmente foron denegadas. Rivas reclamou poñer en marcha as subvencións do ano 2022 e exixiu a “dimisión” do conselleiro ante o grave dano causado aos e ás afectadas.
Na interpelación ao titular de Medio Rural, José González Vázquez, o deputado nacionalista explicou que ao longo do ano 2022, existía a información sobre un “considerable aumento das incorporacións tanto de explotacións coma de hectáreas en ecolóxico”. Fontes da Consellería pedían calma e argumentaban que “por cartos non ía ser”, sen embargo as axudas non eran concedidas pero o ecolóxico seguía confiando nunha rectificación ante unha nova PAC e as directrices para impulsar “o verde”: redución de fitosanitarios, boas prácticas agrarias, consideración sobre a emerxencia climática, produción de alimentos saudables e o equilibrio medioambiental potenciando a “agrogandaría ecolóxica”.
E comeza a operación “balóns fóra” sinalou o deputado do BNG. “Disque os colleu por sorpresa, non sabían nada... acabaranse os cartos e non había de onde dispoñer”. A culpa fora toda do SLG, segundo deixou caer o propio conselleiro na véspera de Noiteboa respondendo á pregunta que lle faciamos neste hemiciclo.
Agora, nesta nova andaina, explicou Rivas, o Conselleiro, mudou de tocata e xustifica a súa mala xestión en que se fiaron dos datos do Craega. “Un xeito mesquiño de botar xurro enriba dun sector que se por algo se distingue e pola súa seriedade e rigor”. Persoas comprometidas que se arriscan a unhas prácticas agrícolas mal remuneradas, suxeitas a restricións e sen cobertura de matadoiros,
Vostede, dixo Rivas ao conselleiro, “xa sabía que os cartos non ían chegar para todas as solicitudes”. Por iso puxeron unhas condicións de “baremacións puñeteiras” para excluír a maior parte dos solicitantes. O PP di que non hai cartos pero o que realmente falta, afirmou, “é vontade política e vergoña”.
Rivas denunciou que das 150 solicitudes para axudas á Gandería, 26 foron aprobadas e o resto denegadas, para mantemento 281 solicitudes, 172 aprobadas e109. denegadas.
Para Agricultura, de 35 solicitudes en conversión, 5 foron aprobadas e 30 denegadas ás que sumou as 93 solicitudes para mantemento, das que 36 foron aprobadas e 57 denegadas e preguntou que é o que realmente lle molesta ao Partido popular da produción ecolóxica?
Medio Rural non anuncia ningunha medida sobre as axudas do 2022
Tras o anunciou José González, dunha convocatoria para o ano 2023 destinada á produción ecolóxica por un período de cinco anos, o nacionalista mostrou o seu escepticismo tendo en conta que o conselleiro non se pronunciou sobre as axudas do ano 2022 polo que volveu a preguntar si ten previsto rectificar ou continuará “espallando dúbidas sobre un sector que lle molesta” ademais de insistir en afondar no enfrontamento entre extensivo e ecolóxico xogando cun sector fundamental para o noso país porque é “un suicidio”. Deixen o extensivo en paz e preocúpense pola produción ecolóxica, sentenciou.
O deputado criticou que o conselleiro eludira responder ás pregunta formuladas polo BNG polo que repreguntou se o titular de Medio Rural está disposto a “reparar o dano aos produtores e produtoras do ano 22” e afirmou que se quere rectificar pode porque no ano 2020 denegou as axudas para danos da fauna salvaxe por falta de orzamentos pero como estamos ante un período electoral a consellería comunica que agora hai cartos e que se van pagar as axudas. “Sen embargo, coa produción ecolóxica a disposición non é a mesma”, recalcou.
Dende o BNG, dixo, pedímoslle encarecidamente que abandone “esa pataleta, esa perrencha” porque a consellería non pode estar gobernada por “infantilismos”, debe implantar políticas favorables aos sectores importantes e se non é así “dimita” porque o rural “vaillo agradecer”. O dano está feito e a confianza en vostede “xa non é recuperable”, concluíu.