O BNG pide medidas urxentes contra o radón nas vivendas que provoca cancro de pulmón

Cosme Pombo na Comisión de Sanidade

O Deputado do BNG, Cosme Pombo formulou unha pregunta ao goberno sobre as medidas previstas para coñecer e corrixir os índices de radón que provocan segundo a OMS, o 14% de mortes por cancro de pulmón, e en Galiza "unha morte ao día por esta causa"

O parlamentario explicou que segundo a Organización Mundial da Saúde, o Gas Radón produce o 14% das mortes por cancro de pulmón e insta a todos os países a protexerse deste prexuízo a través da lexislación sobre vivendas para reducir a presenza do gas a niveis por debaixo dos 100 Bequerelios/m3 de aire.

O deputado salientou que Galiza está considerada como unha das zonas con maior presenza  de radón  nos solos graníticos fracturados en sotos e vivendas, prococando "unha morte ao día por cancro de pulmón".

Na lexislación española, explicou o deputado, as Normas do Hábitat establecidas no 2007 e a Lei de Vivenda de Galiza de 2008, establecidas polo BNG no Goberno da Xunta, facían referencia directa ao radón e á necesidade de illamento nas construcións como medida preventiva para loitar contra os seus efectos nocivos. Lamentabelmente, afirmou , esta norma foi “derrogada por Feijóo e , pouco se fixo para establecer medidas prácticas que protexesen a saúde das galegas e galegos contra o gas radón”, polo que reiterou a necesidade de aplicar medidas urxentes para corrixir os niveis altos do gas Radón nas vivendas e edificacións en Galiza.

O goberno galego non conta con medidas que garantan edificios libres de radón

Pola súa parte, a directora xeral de Innovación e xestión pública, Sonia Martínez recoñeceu que en Galiza estamos expostos a altos niveis de radón e existen concentracións elevadas nas vivendas derivadas das características do chan. Sobre as novas medidas anunciou que o Goberno galego está a traballar con outras entidades que teñen responsabilidade nesta materia para introducir cambios no Código Técnico de Edificación, normativa que entrará en vigor antes do 6 de febreiro de 2018, confirmou.

Cada día morre en Galiza unha persoa por cancro provocado polo radón

Na réplica, o parlamentario lamentou o “escaso interese” do Goberno galego para reducir o problema que provoca en Galiza a morte dunha persoa ao día polo que reclamou tomar medidas urxentes e non agardar as modificacións previstas para o ano 2018.

 Nas vivendas, dixo o deputado hai un “asasino silencioso e non convidado que entra sen permiso e pode converterse nunha seria ameaza para a nosa saúde” e volveu reclamar medidas para as novas construcións co fin de seren declaradas “Edificios libres de Radón” ao igual que se valora a accesibilidade, seguridade estrutural e rendemento enerxético.