BNG pide medidas urxentes contra a contaminación das terras da Limia por exceso de xurros procedentes da gandaría intensiva porcina e avícola
A través dunha interpelación ao conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez, o deputado do BNG, Xosé Luís Rivas (Mini) denunciou a contaminación das terras e augas de Limia polo exceso de xurros procedentes da gandaría intensiva porcina e avícola e alertou da posible “declaración da comarca como zona vulnerable” con consecuencias “gravísimas” para os produtos da Limia.
Na súa intervención reclamou “medidas urxentes” contra a contaminación e preguntou que está a pasar cos anunciados “ Plan estratéxico Agrario para a Limia” e Plan de limpezas das canles.
O parlamentario explicou que a aparición de cianobacterias no encoro das Conchas, as denuncias ecoloxistas, ambientalistas e de cidadáns en xeral chegan ó Parlamento no ano 2017 en forma de preguntas e Proposicións non de lei dirixidas ao goberno galego. O malestar social e a presión política levan a que o PP teña que, forzadamente, reaccionar porque o problema é de tal “magnitude” que non pode continuar a “ollar para outro lado” e para gañar tempo e xustificar que está gobernando crea, dende Medio Rural, unha Mesa da Limia en abril do ano 2019 e en outubro forman parte dela todos os colectivos de agricultores, gandeiros, asociacións agrarias, concellos da Limia, organizacións ambientalistas, colectivos ecoloxistas, o CETECA, a IXP Pataca de Galicia, o Linorde e continúa aberta, segundo as propias palabras do Director Xeral de Gandaría, José Balseiros Guinarte.
A Consellería, afirmou o deputado, coñecía o problema e en “teoría” tiña solucións programadas e estudas como: a presentación do Plan Estratéxico do Sector Agrario da Limia, “disque consensuado con tódolos participantes”, articulación e coordinación do funcionamento da Mesa da Limia, Plan de Formación para Agricultores e Gandeiros da Limia, Edición e distribución dun Manual de Boas Prácticas e Recomendacións para o sector agrogandeiro, un Plan de limpeza das canles e un Plan de Regadío do que seguimos pendente dende o ano 2015.
O parlamentario fixo fincapé no “pernicioso modelo produtivo” baseado na gandaría intensiva ,porcino e avícola, coa consecuente perda de explotacións de vacún e ovino-caprino en extensivo, así como de explotacións de dimensións elevadas cunha grande dependencia de recursos externos para a alimentación animal.
Por outra banda, indicou os problemas sobre as terras e augas derivados dun modelo de explotación vinculado a “unha única cooperativa”, e sobre todo da ameaza de declaración “de zona vulnerable” nas terras da Limia por contaminación de solos e augas o que que provocará “unha imaxe moi negativa” dos produtos da zona.
O deputado do BNG instou ao titular de Medio Rural a rectificar e mudar o modelo lesivo de sobreexplotación gandeira na comarca co exceso de xurros e estercos prodecentes da gandaría intensiva, o emprego de abonos químicos e fitosanitarios e a ausencia “dun sistema eficaz de xestión de subprodutos e residuos agrogandeiros”.
“A diagnose foi feita” recalcou o nacionalista e a ameaza de vulnerabilidade é “unha certeza”, pero vostedes continúan sen dar “sinais de vida”. A que están esperando para poñer en marcha medidas urxentes que revertan esta situación? preguntou.
A estas alturas as promesas non valen. Onde están o Plan estratéxico Agrario para a Limia e o Plan de Formación Agrogandeiro, o Plan de limpeza de canles, o de regadío?. “Todo propaganda e fume”, e despois de prometer o ouro e o mouro agora anuncian cos fondos Next Generation catro procesadoras de xurros, todo un paradoxo , nun país con
miles de hectáreas e vontade agrogandeira sumidas no abandono, problemas de lumes persistentes e terras necesitadas de fertilizantes e á espera de que alguén as traballe, de que alguén con vontade de goberno se tome en serio isto da soberanía alimentaria... e vostedes a velas vir... agardando polos Next Generation e a ver se non chegan e poden botarlle a culpa a Sánchez ou ó BNG, que seica ten varios ministerios en Madrid, ironizou.
Sabe o prexuízo, o descrédito que vai causar aos produtos da Limia e por extensión ós de toda Galicia, a declaración de vulnerabilidade? Merecen isto na comarca da Limia e os seu produtores ? Desde o BNG cremos que non, concluíu.