O BNG pide que se manteña o horario de tarde do centro de saúde de Cambados e dotalo do persoal necesario
Montse Prado instou ao director Xeral de Atención Sanitaria a restituír o horario da tarde e substituír ao persoal do Centro de Saúde de Cambados, tanto nas baixas como nas vacacións
A deputada e portavoz de sanidade do BNG, Montse Prado formulou hoxe unha pregunta ao goberno ante as demandas dos e das profesionais dos centros de atención continuada, (PACs) e concretamente sobre a restitución do horario de tarde no Centro de Saúde de Cambados e dotalo do persoal e medios necesarios.
A parlamentaria lembrou que o Sergas decidiu pechar a quenda de tarde no centro sanitario pasando a atención do médico/a de familia ao horario de mañá. Prado tamén se referiu ao pediatra da tarde destinado ao horario da mañá e á baixa prolongada do facultativo do centro da Illa de Arousa e de Ribadumia aínda sen substituír o que conleva que un día á semana sexa contratado un profesional para realizar só as revisións da pediatra de baixa de Cambados, Ribadumia e Illa de Arousa, porque o pediatra que comparten estes dous centros de saúde, explicou, está de baixa e como segue sen ser substituído, os pacientes son atendidos por médicos de familia dos centros de saúde que incrementan esta atención á súa carga de traballo.
A deputada explicou que o peche do horario de tarde significou que os dous médicos de medicina xeral da tarde consultarán polo mañá, obrigando ao persoal do centro a unha sobrecarga de traballo que repercute en demora nas citas, teléfono desbordado e falta de profesionais nunha época previa ao Nadal.
DIMISIÓN DE 22 XEFES DE SERVIZO POLOS RECORTES NA SANIDADE
Ao tempo que a nacionalista formulaba a súa pregunta un nutrido grupo de médicos/as concentrábanse nas inmediacións do Parlamento en protesta pola sobrecarga laboral e falta de persoal. Na súa intervención, Montse Prado fico fincapé en que onte mesmo 22 xefes de servizo dimitiron na Área sanitaria de Vigo pero en Cambados, dixo, “ninguén dimite porque tampouco ninguén quere asumir o cargo”. Os profesionais, recalcou, están a darlle unha mensaxe clara ao goberno do Partido popular: “o problema non é a falta de PSX, enfermeiras e enfermeiros, médicos, médicas e auxiliares, o problema e a súa política laboral de precariedade”.
Trala resposta do director xeral de Atención sanitaria, Jorge Aboal Viñas que negou os recortes na sanidade pública e argumentou que o novo horario do centro de Cambados está en función da falta de médicos e demanda sanitaria, a nacionalista replicou que a resposta do responsable do Sergas só busca xustificar unha situación que evidencia que os habitantes de Cambados teñen cada vez unha sanidade pública máis “deficiente” e peor acceso ao dereito á saúde. Unha situación, remarcou, como a que conduciu a 22 Xefes de servizo a dimitir en bloque para denunciar os recortes en persoal e medios na sanidade pública.
O PP CONDUCE Á SANIDADE GALEGA AO PRECIPICIO
Estamos diante dun auténtico “despropósito”, tanto para @s profesionais como para @s doentes, sentenciou a nacionalista que ao remate da súa intervención reclamou ao director xeral de Atención sanitaria que proceda a substituír ao persoal do Centro de Saúde de Cambados, tanto nas súas licenzas como vacacións, e restituír o horario de tarde cos equipos completos.
Para a parlamentaria do BNG, a política do Partido popular está a conducir a Sanidade galega ao “precipicio” polo que pediu un cambio de rumbo e que o Sergas inicie un diálogo con todos os axentes afectados.