BNG pide que se manteña o actual transporte escolar no Courel e os postos de traballo que xera
A deputada do BNG, Carme Aira formulou unha pregunta ao conselleiro de Educación ante o conflito xerado polo concurso de transporte escolar que prexudica gravemente ao nenos e nenas e ao tecido socioeconómico da Serra do Courel.
A deputada nacionalista explicou que o BNG apoia as reivindicacións da comunidade educativa e o pobo do Courel para garantir os servizos de transporte escolar ante o novo concurso de Educación cun deseño de rutas elaboradas por unha empresa avalada pola consellería que aboga por paradas e medidas de tempo “ficticias”, reduce de 6 a 4 as rutas e afasta aos nenos e nenas dos seus domicilios obrigándoos a permanecer á intemperie ante a falta de marquesiñas.
Ademais, afirmou Aira, somete aos nenos e nenas a longos percorridos, con riscos innecesarios exixindo que os vehículos pasen de un máximo de 9 prazas a microbuses con 25. A parlamentaria preguntou a Román Rodríguez se a consellería é realmente “consciente” das consecuencias ás que serán sometidos os nenos e nenas durante os catro anos do concurso do transporte escolar.
“Non poden conculcarlle dereitos as nenas e nenos do Courel, ou de calquera outro sitio de montaña, obrigándoos a facer un maior esforzo para estudar e incumprindo o principio de igualdade que en teoría nos garante a lei”, recalcou a deputada do BNG.
Por outra banda, afirmou que baixo a escusa de exixencias da Unión europea e da normativa de contratos do sector público, o PP formalizou uns “macrolotes” con condicións inasumibles para os actuais prestadores do servizo. Queremos pensar, dixo a deputada do BNG, que o Partido popular conta “cun plan para recuperar o emprego na zona e dotar ao concello de servizos para a súa mobilidade.
O concurso actual é a antítese do que precisa a Serra do Courel
Dende o BNG pedimos unha oportunidade para manter o tecido socioeconómico da Serra do Courel e impedir que o concello perda poboación “en caída libre”. Reclamamos que se cumpran as directrices europeas sobre zonas de alta montaña con necesidades específicas e neste sentido, exiximos que “desagreguen o transporte escolar do Courel do lote 27 para manter un servizo cun deseño similar ao que veu dando bos resultados nos últimos 30 anos”.
A deputada asegurou que o actual concurso é a “antítese” do que precisa esta Serra e bota por terra á propaganda do Partido popular sobre as medidas para superar a crise demográfica e o apoio ao medio rural e de montaña.
A parlamentaria avogou por empregar os Fondos europeos do Plan Feder en iniciativas destinadas ao desenvolvemento e posta en valor da zona e non para a precarizar, aínda máis, a vida das persoas. Non utilicen eses fondos, reiteoru Carme Aira en proxectos que deixan ser servizos ao Courel, “non os destinen a beneficiar ás grandes empresas en detrimento do dereito dos nenos e nenas á educación”.
Un concurso paralizado por vía xudicial
Tras a intervención do conselleiro de Educación que se referiu á paralización do concurso para analizar as alegacións, a nacionalista pediu “respecto” pola Serra e os seus habitantes, “non fagan o amago de facer ver que paralizan o concurso cando o único que fan é aprazar a decisión”. A paralización, afirmou Aira obedece á resolución do Tribunal Administrativo de Recursos Contractuais de Galiza, TACGAL, e non a unha decisión da consellería.
“Refagan os lotes, comprométanse co rural, coas zonas de montaña, coas persoas que viven nelas e que cada día superan as dificultades de vivir alí e cada día optan por quedarse”, concluíu.