O BNG pide máis medios para a universidade pública e critica o apoio do PP á universidade privada de Abanca
Na mobilización celebrada hoxe na Praza do Obradoiro convocada pola Plataforma en defensa da Universidade pública, o deputado do BNG, Xosé Luís Rivas afirmou que a universidade debe estar “ao servizo da sociedade como elemento dinamizador e de cambio social”. Para o nacionalista, o apoio de Feixóo e o Partido popular á universidade privada de Abanca representa “un duro ataque ao sistema universitario galego” e hai que parar un proxecto, dixo que pon en grave risco a nosa universidade pública.
Rivas lembrou que o goberno galego agasallou á banca cunha venda “a prezo de saldo” das caixas de aforro con grandes beneficios fiscais aos que agora sumou o agasallo dunha universidade privada ao tempo que a universidade pública galega “carece de financiamento suficiente” e precisa de maneira urxente máis medios. A universidade, dixo, necesita 30M€ tras asumir os continuos recortes do goberno de Feixóo.
O deputado do BNG destacou o apoio “unánime” dos tres reitores das universidades públicas galegas e reiterou que Galiza “non precisa dunha universidade privada”. O proxecto de Abanca non conta cos requisitos necesarios e preceptivos como a investigación ou a dobre titulación, explicou. En Galiza necesitamos reafirmar a nosa universidade con máis recursos e non unha universidade privada e clasista, concluíu.