O BNG pide unha liña de axudas para @s afectad@s polos cortes da luz e abrir un expediente a Fenosa

Ana Pontón no Parlamento Galego
  • Ana Pontón  reclama a Feijóo que demostre “que existe Goberno” e que o Parlamento “non actúa roboticamente” senón que está coa cidadanía

A portavoz nacional, Ana Pontón, empezou o pleno do Parlamento de totalidade dos orzamentos amosando o apoio e a solidariedade do BNG cos miles de galegos e galegas afectadas polos cortes de luz de ata 72 horas, “que sufriron as consecuencias do temporal, mesmo afectándolles á saúde”.

A dirixente nacionalista fixo referencia explícita aos miles de gandeiros e gandeiras que non puideron atender as súas explotacións, “nin muxir, nin alimentar as vacas, nin arrefriar o leite, e iso é un drama”. “É lóxico que durante un temporal poda haber cortes de luz, pero é abusivo que estes se prolonguen durante 48 e mesmo 72 horas”, indicou.

Pontón considera que deixar sen servizo a miles de galegos e galegas durante tanto tempo “implica que Fenosa ten o mantemento das instalacións eléctricas, o mantemento das liñas, descoidado” e pide unha actuación contundente por parte do Goberno. En concreto, a portavoz nacional fixo tres propostas de aplicación inmediata ao resto dos grupos da Cámara.

En primeiro lugar, aprobar unha liña de axudas para as persoas afectadas polos cortes de luz do temporal en colaboración cos Concellos. En segundo lugar, abrir un expediente a Fenosa porque é evidente que as liñas non teñen o mantemento acaído e, ademais, a multinacional non contaba cun dispositivo para afrontar con rapidez e eficacia as consecuencias dun temporal anunciado e esperado.

E, por último, Pontón pediu a comparecencia do presidente ou do vicepresidente da Xunta para explicar mañá mesmo en Pleno como se fixo a xestión deste temporal e a atención prestada á cidadanía. “O BNG non ten ningún inconveniente en modificar a orde do día do pleno da Cámara e pídello ao señor Feijóo que demostre ás miles de persoas que están enfadadas que teñen Goberno e que teñen un Parlamento capaz de reaccionar á realidade social e que non se limita a actuar roboticamente”, concluíu.