O BNG pide que se investiguen as caixas ante o veto do PP e a abstención do PSOE

O portavoz de Economía do GP do BNG, Carlos Aymerich, defende unha moción que tamén reclamaba a conversión de NGB en Banco Público.

Aymerich asegurou en sesión plenaria que Feijóo ten que ter “poderosas e “inconfesábeis” razóns para non querer abrir xa unha investigación no Parlamento sobre a xestión das caixas galegas.

Explicou que só así se entende un novo voto en contra do PP a unha iniciativa do BNG demandando que se abra esta investigación na Cámara, proposta que cobra máis sentido aínda, dixo, logo de se coñecer que a Fiscalía Anticorrupción presentou unha querala contra Gayoso e catro ex directivos da caixa por un delicto de suposta apropiación indebida.

Prórroga de tres anos

Para o deputado nacionalista, coa actuación da Fiscalía fica claro para que querían estes “mártires da reestructuración bancaria”, como chamou aos ex directivos, a prórroga de tres anos nos seus postos que lles concederon PP e PSOE.

Neste sentido, lembrou a reforma da Lei de Caixas que se fixo ad hoc para establecer este período transitorio e que contou co apoio de PP e PSdeG, en base a que, segundo o PSdeG, eran as entidades as que tiñan que pactar as condicións, e segundo o PP e a daquela conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, se non había prórroga a fusión rebentaría, “pura chantaxe”, denunciou o deputado.

Se eu fora Feijóo sería o máis interesado en que se investigue para evitar calquera sombra de dúbida

Aymerich afirmou que é o momento de corrixir erros e amosouse convencido de que, alomenos o PSdeG, hoxe ten claro que aquela decisión foi un erro e que agora cómpre luz e transparencia, “hai unha cidadanía atenta que quer saber”.

Imaxe devaluada

Trátase de investigar para depurar responsabilidades pero tamén para poder decidir que é o que máis lle convén a este País, dixo, por iso non se debe agardar a que estea resolto o futuro de NCG, como sostén Feijóo, coa disculpa de así evitar danar a imaxe do banco.

Para o deputado nacionalista, as informacións que están a saír todos os días sobre as entidades galegas así como as propias declaracións de Feijoó, falando de balances que non cuadran, tamén repercuten negativamente na marca, “así que se eu fora Feijóo sería o primeiro interesado en investigar para evitar calquera sombra de dúbida sobre a miña implicación”.

Coa prórroga de tres anos os ex directivos fixeron o evidente, blindar e reblindar contratos, como se a un delincuente o deixas dúas horas no lugar do crime

Aymerich concluiu reiterando que a prórroga de tres anos aos ex directivos foi como deixar a un delincuente no lugar do crime para que limpe as pegadas, “fixeron o que era evidente, blindar e reblindar os seus contratos e garantir indemnizacións en caso de no cumprirse o tempo acordado, por iso hai que depurar responsabilidades”.

Abstención do PSdeG

A moción, rexeitada cos votos do PP e abstencións do PSdeG, tamén demandaba a conversión de NGB en banca pública, dar unha solución inmediata á fraude das preferentes, manter a obra social e conseguir a devolución das indemnizacións millonarias satisfeitos aos antigos directivos.