O BNG pide investigar á empresa Babcock encargada dos helicópteros de Gardacostas de Galiza por posible incumprimento de contrato
A deputada do BNG, Rosa Pérez rexistra unha batería de iniciativas para reclamar unha investigación sobre o posible incumprimento do contrato da empresa Babcock, adxudicataria dos servizos de operación e mantemento dos helicópteros do Servizo de Gardacostas de Galiza, dependentes da Consellería do Mar.
Os helicópteros, explica a nacionalista desenvolven labores de vixilancia, loita contra a contaminación e salvamento marítimo. Sen embargo, Babcock ten tomado medidas coercitivas contra os traballadores incluíndo algún despido alegando “diminución continuada e voluntaria do traballo”.
Para a nacionalista o sometemento de Babcock aos seus traballadores debe ser “motivo suficiente de atención para a consellería do Mar” sobre todo, porque se trata dun servizo vital para a xente do mar e pon en grave risco ás tripulacións e resposta da seguridade de quen a precisa.
Rosa Pérez lembra que o BNG xa denunciou no mes de outubro a “falta de flotadores obrigatorios por contrato no Peca 1 de Vigo” e a empresa continúa mantendo o helicóptero operativo pero limitando a súa operatividade a 20 millas náuticas. A deputada do BNG pregunta á consellería do Mar se ten coñecemento desta irregularidade e explica que o pasado 30 de outubro mentres foi solicitado o servizo do Pesca 1 de Vigo para facer unha evacuación médica a unhas 90 millas das illas Cíes, ante as limitacións do Pesca 1, no seu lugar tivo que acudir o Helimer 402 da Coruña que trasladaría ao capitán do buque quimiqueiro “Gogland” ata o aeroporto de Vigo.
A partir de aí, a empresa traslada ao helicóptero con base de Viveiro a Vigo con total operatividade e mantén na base da Mariña de Lugo un helicóptero de substitución que, de novo, “non cumpre os requisitos esixidos no contrato”. Mais o peor, recalca a nacionalista é que non é a primeira vez, xa que este helicóptero sen as capacidades suficientes para desenvolver o traballo con garantías leva na base de Viveiro case o 50% dos días de servizo no que vai de ano, é dicir, máis de 150.
“A empresa Babcock España subscribiu, no seu momento, un contrato cunhas condicións claras e expresas que incumpre impunemente”. Ante esta situación, a deputada do BNG reclama explicacións á consellería do Mar sobre estes feitos “inxustificables” e determinar “as responsabilidades da empresa adxudicataria e aplicar as penalizacións establecidas no propio contrato polos posibles incumprimentos".