BNG pide a intervención pública de Alu Ibérica para garantir a produción e o emprego
A líder do Bloque mantivo un encontro co comité de empresa de Alu Ibérica, no que tamén participaron o portavoz municipal, Francisco Jorquera, e o portavoz parlamentario de industria, Ramón Fernández. Pontón demandou a Goberno central e Goberno da Xunta que deixen a súa pasividade e adopten a única solución para garantir a produción e o emprego: intervención pública.
“A situación é crítica, estamos no tempo de desconto e deben traballar man a man para impedir a perda de 300 empregos directos, para garantir a produción de aluminio e, en definitiva, para evitar que esta factoría engrose a longa lista de empresas que botan o peche nunha Coruña e comarca xa moi impactadas pola crise industrial”, explicou.
A intervención é viable e xa se ten feito noutros casos, indicou, subliñando que este é “un tema central de país”, que implica a Alu Ibérica pero tamén a todas as empresas da contorna que precisan aluminio nos seus procesos e que, se pecha a factoría coruñesa, terían que traer esa materia prima desde fora, o que sería absurdo.
Neste contexto, o Goberno de Feixóo non pode seguir coa súa pasividade senón que “debe poñerse a traballar” recalcou, tras avanzar que o Bloque volve levar este asunto ao Parlamento no próximo Pleno. “Non vale nin a pasividade nin as mentiras, o persoal está neste punto tras unha venta calamitosa que avalaron tanto o Goberno do Estado como o Goberno galego e por iso basta de escusas, o que se precisan son solucións, que existen se hai vontade política de salvar o emprego e a industria”, argumentou.
“Hai fábrica, hai traballadores e traballadoras cualificadas e o aluminio é un sector en auxe, por iso non se entende porqué ambos executivos se pregan á multinacional en vez de defender un sector estratéxico e con futuro como é a produción de aluminio”, concluíu.