O BNG pide a intervención da Fiscalía Anticorrupción para que analice o proceso de venda de NGB

O BNG demanda a intervención da Fiscalía Anticorrupción para que paralice e analice todo o proceso de venda de NGB  ao entender que o Ministerio de Economía e o FROB incorren nun presunto delito de prevaricación e malversación de fondos públicos. Prevaricación por tomar, a sabendas, unha decisión en contra dos intereses dos contribuíntes e de Galiza como é a venda anticipadada no peor momento posible, e malversación polo “desfalco” ao erario público que suporía non computar no prezo de venda 2.260 millóns de euros en exencións fiscais.

“Ambos factores teñen que ser estudados pola Fiscalía e polos tribunais porque poden ser constitutivos de delito de quenes toman a decisión de vender NGB en contra dos intereses de Galiza e do conxunto dos contribuíntes, -Ministerio de Economía con De Guindos como principal responsable e a dirección do FROB-, e polo desfalco que implicaría non ter en conta as millonarias exencións fiscais”, argumentou o portavoz nacional, Xavier Vence.

Igualmente, chamou a atención sobre a “opacidade e falla de transparencia” de todo o proceso de venda, ao tempo que se pregunta pola inacción da Fiscalía e dos tribunais que non actúan de oficio cando si o fan para vixiar a transparencia de concursos “de pouca monta”.

Vence denunciou que estamos ante unha nova “aldraxe” a Galiza que terá como resultado a “colonización financeira” do noso País perpetrada coa complicidade de dous galegos, Rajoy e Feijóo, “nunha acto de traizón a Galiza a que lle rouban o seu aforro diante dos nosos ollos”. “Euskadi e Cataluña terán entidades propias, pero nós quedamos como país financeiramente dependente dun sector bancario oligopolizado onde o acceso ao crédito será máis caro para as empresas e os particulares”, explicou.

Preferentes

Ante esta “ignominia”, e xa que o presidente da Xunta é incapaz de defender os intereses do país, o BNG fai un chamamento a todas as forzas políticas, sindicais colectivos e plataformas sociais e ao conxunto da cidadanía a saír a rúa o vindeiro 28 de decembro, “para que Galiza erga a súa voz contra a consumación deste espolio en todas as cidades”.

“Se as institucións non son quen de facelo, temos que mobilizarnos para defender o noso futuro, e preservar o noso aforro para dirixilo ao investimento, ás empresas e familias galegas”, recalcou Vence.

O portavoz nacionalista concluíu denunciando a contradición que supón que hoxe mesmo estivesen sido xulgados en Santiago seis persoas estafadas pola fraude das preferentes. “Os que loitan por recuperar os aforros que lles roubaron pola estafa das preferentes están nos xulgados, e os que tomaron e toman as decisións recibiron indemnización millonarias ou ocupan os despachos do poder político en Madrid e na Xunta”,  criticou, tras reiterar que para o BNG a única opción que beneficia a Galiza é converter NGB nunha entidade pública galega.