O BNG rexistra unha proposición non de lei para Institucionalizar o 17 de agosto como "Día da Galiza Mártir" para honrar a Alexandre Bóveda e a todas as persoas perseguidas e asasinadas polo franquismo en Galiza.
O texto nacionalista tamén reclama organizar anualmente un acto institucional e crear os Premios da “Galiza Mártir” co obxecto de recoñecer a entidades e persoas con unha traxectoria destacada na recuperación da memoria histórica democrática galega así como, desenvolver anualmente un programa de actividades para dar a coñecer a vida e a obra de Alexandre Bóveda e dos compañeiros e compañeiras de xeración que foron perseguidos e asasinados polo franquismo en Galiza.
Ademais, a iniciativa do BNG pide que o Estado promova as iniciativas necesarias para a rehabilitación de Alexandre Bóveda e a anulación da sentenza que o condenou a morte, a anulación de todas as sentenzas, e os expedientes e sancións ditadas durante a Ditadura contra cidadáns e cidadás galegos por motivos políticos, ideolóxicos, de crenzas, de raza ou diversidade sexual.
Para o deputado do BNG, Luís Bará, “ignorar esta data supón un desprezo absoluto a Alexandre Bóveda e a todo o que simboliza” e lembra que o vindeiro sábado día 17 de agosto, do Día da Galiza Mártir, honrará, nunha nova edición, “a memoria e loita de Alexandre Bóveda e de todos os homes e mulleres que sufriron a persecución e o asasinato polo fascismo franquista español”.
Para o BNG, recalca Bará, está fóra de toda dúbida a achega imprescindíbel da súa xeración, e nomeadamente de Alexandre Bóveda, á causa do autogoberno de Galiza e á aprobación do Estatuto de 1936. Por este motivo, “a súa figura e a súa obra deben ser obxecto de recoñecemento, de gratitude e de homenaxe polas institucións galegas, especialmente pola Xunta e polo Parlamento”.
Ao longo dos últimos anos, varias entidades e institucións demandaron a institucionalización do Día da Galiza Mártir. En 2013, a Fundación Alexandre Bóveda iniciou unha campaña neste sentido que se concretou na presentación dunha Proposición non de lei a través da Comisión de Peticións do parlamento galego.
Pola súa parte, numerosas entidades locais, entre elas o concello de Poio, o concello de Pontevedra e a Deputación de Ourense, aprobaron acordos plenarios demandando a oficialización da data e a organización de actos encamiñados á rehabilitación pública e política de Alexandre Bóveda e de todas as vítimas galegas da Ditadura franquista.
Acordo do parlamento galego de 2006
Luís Bará fai fincapé na existencia dun acordo aprobado no Parlamento galego, na sesión do 26 de decembro de 2006 encamiñado ao recoñecemento da figura de Alexandre Bóveda pola súa participación na elaboración e aprobación do Estatuto de 1936, acordo que incluía, entre outras propostas: Promover iniciativas que teñan por obxecto dar a coñecer e divulgar na sociedade galega os valores éticos e políticos encarnados por Alexandre Bóveda e polos demais compatriotas asasinados e represaliados polo franquismo, promover diante do goberno español a rehabilitación xurídica, persoal e moral de Alexandre Bóveda e a de todas as persoas que foron asasinadas e represaliadas por defenderen a legalidade democrática, as aspiracións de autogoberno de Galiza e a xustiza social, e a iniciar as xestións necesarias para anular os consellos de guerra a que foron sometidos.
Xunta e Parlamento deben deixar de ignorar a conmemoración da Galiza Mártir
O parlamentario do BNG, explica que a conmemoración do día da Galiza Mártir foi instaurada en agosto de 1942 en Buenos Aires pola Galiza do exilio, que escolleu o día do asasinato de Alexandre Bóveda para simbolizar nel as arelas dunha “xeración única e irrepetíble ”, así como a devastación do fascismo en en Galiza en forma de asasinatos, cárcere, exilio, tortura, exclusión, depuración, vexacións, espolio, violacións e outras manifestacións do terror. Durante moitos anos, engade Bará a conmemoración do Día da Galiza Mártir estivo prohibida en Galiza. Só a finais da década de 1970 se comezou a celebrar en Pontevedra. Na actualidade ten lugar un acto institucional e cívico en Poio, diante do monumento á Galiza Mártir, organizado polo concello de Poio e a Fundación Alexandre Bóveda.
Ademais dos actos que teñen lugar en Pontevedra e Poio, a data conmemorase con numerosas actividades en toda Galiza, promovidas por organizacións políticas, entidades e institucións.
Actos previstos para conmemorar o #DíaDaGalizaMártir. 17 de agosto en Pontevedra e Poio. pic.twitter.com/NnDdMmCTGd
— BNG (@obloque) August 10, 2019