O BNG pide inspeccións nas industrias de residuos das Somozas polas repercusións dos refugallos na saúde e terreos

Mini

Xosé Luís Rivas reclamou cumprir a lei sobre os  controis de produtos fertilizantes de uso agrícola derivados das lamas de depuración

Rivas lamentou que  o Partido popular votara en contra da iniciativa do BNG e acusou ao grupo municipal popular das Somozas de estar ao servizo dos intereses das empresas  

O candidato do BNG, Xosé Luís Rivas propuxo hoxe no Parlamento un acordo de todas as forzas políticas para realizar inspeccións e controis nas industrias xestoras de residuos polos lexiviados así como nas parcelas nas que se utilizaron lamas como fertilizantes co fin de preservar a saúde da poboación e o normal estado de solos e acuíferos no concello das Somozas.

Asemade, reclamou cumprir a lei vixente sobre  protocolos de analíticas e controis nos produtos fertilizantes de uso agrícola derivado das lamas de depuración.

Na súa intervención, o parlamentario do BNG trasladou á Cámara galega a “inquietude, alarma e protesta dos veciños e veciñas do concello das Somozas” pola acumulación de refugallos chegados de toda Galiza. “Sologás, Sogarisa e Xiloga son tres das empresas de xestión de residuos instaladas neste concello e a plena actividade” con refugallos que revisten unha grande “perigosidade”.

A economía circular e a bioeconomía son conceptos, explicou o deputado, termos  cada vez máis utilizados pero tamén máis deturpados pola clase política. O lixo é lixo e a contaminación no concello “vese, cheira” e  tradúcese en enfermidades. A xestión dos residuos e a súa reciclaxe debe preocuparnos porque afecta gravemente á poboación en xeral e de momento, “a xestión nas súas diferentes modalidades non pasa de ser un gran negocio enganoso que conta coa complicidade dos departamentos do goberno galego que fan a vista gorda sobre uns  refugallos esparexidos para minorar o impacto”.

No concello das Somozas e arredores, insistiu Rivas, dependendo de onde veña o vento, o cheiro é insoportable. Un cheiro infecto procedente da manipulación de lamas de depuración para  fabricar un fertilizante para usos agrícolas e  tecnosolos, “mestura de refugallos industriais” que producen unha “terra infecta”  que só pode ser usada para rexenerar espazos degradados.

A aplicación de teconosolos, manifestou o deputado, está prohibida sobre prados, humedais, cabeceiras de marxes de ríos e captacións de augas pero o grave é que non se cumpre a lei e son utilizados en terras fértiles, prados, vales de elevada pendente, cabeceiras de regatos e ríos  e afluentes do Xubia e do Mera. Trátase, polo tanto,  de “vertidos en toda regra disfrazados de emendas orgánicas con grave contaminación ambiental e risco para saúde”.

Por outra parte estase a producir un fertilizante, “o digestato”, un produto que xa provocou a morte de varios becerros e a afección a tres persoas. Eu vin ese produto, afirmou o deputado, un produto con plástico moído e en plena fermentación nun campo enorme á espera de ser utilizado e esparexido no monte, nas ladeiras do río Xubia, no Parque eólico. “Bótase nas aldeas de Pastoriza, Montecalvo, Ghuntille, Ghradeille, Carghas”.

Ademais, periodicamente prodúcense incendios no vaso do vertedoiro doutra empresa dedicada á xestión de residuos. Os incendios provocan  unha gran columna de fume e me atrevo a asegurar, dixo, que os incendios non son fortuítos xa que axudan a diminuír volumes e darlle máis capacidade ó vaso o que  contribúe a que os lixiviados sexan máis potentes.

O PP REXEITA  INSPECCIÓNS NAS  EMPRESAS DE RESIDUOS

A iniciativa defendida polo  BNG foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular tras un bronco debate entre o deputado popular, Miguel Tellado e o deputado nacionalista. Rivas lamentou que, unha vez máis, o PP obedeza aos intereses e beneficios  das empresas nun concello cun  goberno municipal “monocolor” con 9 concelleiros do PP que dende hai anos permanece “sentado nas súas poltronas controlando os negocios que lles interesan” aínda que iso, concluíu, signifique “hipotecar o futuro”