O BNG pide incluír na comisión de estudo da vaga de lumes os efectos dos incendios no patrimonio

Olalla Rodil

Presentará emendas ás contas do 2018 para reservar unha partida destinada ao estudo do estado do patrimonio nos lugares afectados

A deputada do BNG, Olalla Rodil demandou ao goberno,  a través dunha pregunta parlamentaria,  incluír na Comisión de estudo da vaga de lumes, que se constituirá no Parlamento galego, “a afectación dos incendios  no patrimonio cultural” e anunciou que o BNG presentará emendas aos orzamentos do 2018 cunha  partida para o estudo do estado do patrimonio nos lugares afectados polos incendios.

Na súa intervención, Rodil explicou que os lumes non só supoñen unha ameaza para as persoas, os animais, as vivendas ou o monte, senón que tamén resultan “un risco  para o noso patrimonio”, moito del esparexido precisamente polo monte, “petróglifos, mámoas ou castros, principalmente, así como  torres, fortalezas, castelos ou pazos”.

Neste sentido, engadiu,  que o BNG continúa  analizando as consecuencias da vaga de incendios, especialmente o 15 de outubro, porque   sabemos, dixo,  que as lapas afectaron bens patrimoniais, “algúns deles declarados BIC”. A parlamentaria preguntou que  medidas adoptou ou pensa adoptar o Goberno galego para garantir a  recuperación e conservación do   castro de Chandebrito. Un poboado  habitado entre os séculos V a.C. e II da nosa era,  calcinado polo lume.  A Torre de Méndez, en Camos, Nigrán,  restos dun magnífico pazo, tamén BIC, do século XVI, hoxe en ruínas. O Castro do Galiñeiro. No Valmiñor, afectado polo lume ao igual que a Fortaleza de Monterreal (século XII) e o  mosteiro de Oseira, que mesmo obrigou ao desaloxo dos  monxes.

EMENDAS ORZAMENTOS

A nacionalista anunciou que o BNG  defenderá  reservar orzamento para 2018 para desenvolver as medidas que sexan precisas para determinar  o estado no que se atopa o noso patrimonio naqueles lugares onde fose susceptíbel de ter sido atinxido polo lume mais tamén para que, “no marco da Comisión de estudo que se constituirá nesta Cámara, o Patrimonio sexa tamén un elemento de análise e de protección nas reformas legais que se adopten.

Porque falamos sempre do monte na súa vertente produtiva mais o monte ten unha tripla función: alén da económica, a ecolóxica e por suposto a social, e é na combinación equilibrada destas tres vertentes, e o patrimonio é eixo central da parte social do monte, onde atoparemos un aproveitamento multifuncional, sostíbel e con vida para o noso país.

O Patrimonio é pasado mais tamén presente e futuro porque é un recurso de desenvolvemento económico o seu coidado, a súa posta en valor e a súa divulgación.