BNG pide a implicación de todas as administracións para recuperar Fandicosta e garantir o emprego

Situación da nave de Fandicosta tras o sinistro

A portavoz nacional, Ana Pontón, desprazouse a primeira hora ás instalacións de Fandicosta en Moaña, para trasladar todo o apoio do BNG os traballadores e traballadoras e á dirección da empresa. Na visita, reclamou unha implicación rápida e decidida de todas as administracións públicas, similar a que o goberno central tivo no sinistro de Campofrio en Burgos, para garantir unha pronta recuperación do 100% da actividade, así como a permanencia de todos os empregos.

“O BNG demanda que se adopten todas medidas posibles e se preste todo o apoio a Fandicosta para que a factoría recupere canto antes a súa actividade e non se perda nin un só posto de traballo. Hai casos de sinistros similares recentes, como o que afectou a fábrica de Campofrío en Burgos, onde todas as administracións se volcaron na recuperación da actividade desa fábrica e da recuperación dos postos de traballo”, indicou Pontón, “e o que demandamos é o mesmo trato e a mesma atención por parte de todas as administracións para Fandicosta”.

Para a dirixente nacionalista, “resulta evidente que a factoría vai necesitar apoio desde o punto de vista económico para a restablecer o funcionamento destas naves”, indicou, ao tempo que poñía sobre a mesa medidas concretas de axuda por parte do Goberno central, “como moratorias no pago de cotas á seguridade social, beneficios fiscais e axudas para a empresa”.

Pontón avanzou tamén que o BNG se compromete a “sacar adiante un acordo” no Parlamento galego co fin de ter unha posición común a favor de Fandicosta e dos seus traballadores e traballadoras.

Acompañada pola alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, e polo rexedor de Bueu, Felix Juncal, Pontón agradeceu o traballo de todas as persoas e servizos de emerxencia que participaron na extinción do lume, e o labor de coordinación e total disposición do goberno local.