O BNG pide que se fagan públicos todos os informes da crise do coronavirus sobre as residencias de maiores
Noa Presas lembra comprométese a presentar a primeira iniciativa parlamentar coa creación dunha comisión de investigación despois do 12X
A formación nacionalista quere impulsar un cambio de modelo que aposte pola xestión pública e o dereito a unha vellez digna
O BNG solicitou que se fagan públicos todos os informes elaborados durante a crise da COVID-19 nas residencias de maiores. A candidata do BNG ao Parlamento, Noa Presas, lembrou o compromiso da súa formación de constituír despois do 12X unha comisión de investigación “que poña luz e taquígrafos sobre o acontecido” ademais de impulsar un cambio no modelo que aposte pola xestión pública e o dereito a unha vellez digna.
Despois de coñecerse a filtración dun informe técnico da Xunta de Galiza onde se recollían as deficiencias na residencia intervida no Barco de Valdeorras, o BNG ven de solicitar que se fagan públicos todos os informes de todas as residencias intervidas polo executivo galego. A estes informes queren sumar os das residencias que non chegaron a ser oficialmente intervidas “como aconteceu en Celanova” para mostrar a máxima transparencia de toda a información que circulou nas Consellerías de Sanidade e Política Social.
Segundo os datos aportados, Galiza ten máis de 300.000 persoas entre os 70 e os 85 anos de idas das que só 20.000 están nunha residencia. Só este colectivo soportou o 45% das mortes que aconteceron durante a pandemia. “É hora de que haxa luz e taquígrafos sobre todo o acontecido nestes centros. Desde o BNG reclamamos que se publiquen todos os informes vinculados coa xestión das residencias” sinalou a candidata da formación, Noa Presas.
“Desde o BNG temos un compromiso moi claro coas familias e coas traballadoras destes centros” reafirmou Presas comprometéndose a que “a primeira iniciativa, que levaremos despois do 12X, será a creación dunha Comisión de Investigación sobre a xestión do coronavirus nas residencias de maiores”. Así mesmo, o BNG sinalou que hai que deixar atrás o modelo “privatizador do PP” no que o 66% das prazas en Ourense estean privatizadas coa ratio máis alta de todo o país.
A Comisión de Investigación no Parlamento servirá “para coñecer a verdade e impulsar un cambio de modelo que aposte pola xestión pública e por facer do dereito á vellez algo garantido no noso país” segundo afirmou a candidata do BNG por Ourense. “Hai que dar un golpe de temón claro na xestión das residencias e apostar por rescatar as residencias de maiores para o sistema público porque unha vellez digna é un dereito” sentenciou Presas.