O BNG pide explicacións á Xunta polo gromo de COVID19 na residencia de Barbadás
O BNG vén de presentar tres iniciativas no Parlamento galego para interpelar á Xunta sobre o último gromo de coronavirus detectado na residencia de maiores Nosa Señora dos Miragres de Barbadás e que supuxo o contaxio de máis de 60 persoas entre usuarias e persoal traballador.
Nas distintas preguntas parlamentarias rexistradas polo deputado por Ourense Iago Tabarés, o Bloque pide explicacións ao Goberno galego polas medidas preventivas implantadas no centro e se tomou algunha máis de carácter complementario, toda vez que o concello ourensán foi declarado de nivel 3 pola súa afectación epidemiolóxica e mesmo foi decretado o seu peche perimetral.
O caso do novo gromo por COVID19 nesta residencia resulta para o deputado nacionalista “especialmente elocuente do neglixente proceder da Xunta”, xa que o centro é de titularidade e xestión propias, xa rexistrara seis positivos semanas antes e está situado nun concello sometido a fortes medidas restritivas.
Tabarés subliña que “dende hai tempo existían datos que advertían da existencia dun perigo certo de contaxio en Barbadás”, polo que considera evidente “que era imperativo extremar ao máximo as medidas de prevención e coidado nos centros situados no concello” e, pola vulnerabilidade das e dos seus residentes, máis no de maiores.
Neste sentido, tamén pregunta ao Goberno galego sobre as datas e resultados dos PCR realizados no residencial, polas variacións experimentadas no seu cadro de persoal e polas modificacións introducidas no plan de prevención de riscos laborais para reducir o perigo de contaxio entre as e os traballadores.
O deputado por Ourense advirte que as “consecuencias letais” que o virus está a producir nas residencias de toda a provincia xeran unha evidente alarma social que se ve incrementada polo feito de que os protocolos implementados pola Xunta “semellan totalmente ineficaces para evitar o contaxio nos colectivos máis vulnerábeis”.