BNG pide explicacións á titular de Mar pola “ausencia” da consellería ante os graves problemas que afectan aos sectores pesqueiro e marisqueiro
Rosana Pérez afea a falta de compromiso da consellería do Mar cos sectores produtivos do mar e alerta dos problemas xerados nas rías polas chuvias e a contaminación
A deputada e portavoz de pesca do BNG, Rosana Pérez interpelou á conselleira do Mar, Rosa Quintana pola “ausencia” da consellería ante os graves problemas que afectan aos sectores pesqueiro e marisqueiro e reclamou medidas de protección para esta actividade prioritaria en Galiza.
A deputada lembrou que a última vez que Quintana compareceu na Cámara galega foi a través dunha interpelación do BNG, “hai cinco meses” e afeou que non o fixera de motu propio para explicar os graves problemas que afectan “ao seu negociado”. Rosana Pérez criticou que a conselleira acuda ao Parlamento cada quince días só para “aplaudir a Alfonso Rueda”.
Nestes cinco meses, explicou a nacionalista, as choivas de decembro e xaneiro levaron a miles de mariscadores e mariscadoras a iniciar “un paro biolóxico”, miles de bateas están coas cordas baldeiras polo problema da mexilla, en decembro decidiron os TACs e cotas para este ano cunha importante rebaixa da captura do xurelo, case un 95% para frota do cerco, foi aprobada a veda da anguía a tres meses co conseguinte problema para os naseiros de Pontesampaio, Arcade, Cesantes, Redondela e Vilaboa. Vostede, dixo a deputada, “foi a Europa pero non tivo tempo de vir ao Parlamento”.
Por outra banda, engadiu que tamén foron aprobados uns POEM e un Plan de Acción de Bruxelas que vai a acabar “co arrastre”.
Máis de 5.000 persoas permanecen sometidas á decisión arbitraria de Augas de Galiza para autorizar vertidos residuais da mina de San Finx á ría de Muros e Noia e vostede “non abre a boca”. Podería citar máis exemplos e a posición da consellería sería sempre a mesma, “unha consellería ausente”.
Na actualidade, explicou a deputada o BNG, os rañeiros dos bancos de libre marisqueo da ría de Arousa permanecen en paro biolóxico, os percebeiros de Bueu tamén solicitaron o paro biolóxico por catro meses pola falta de percebe e unha mexilla pequena e débil.
Os últimos datos do IGE reflicten que os PERMEX se reduciron case un 5% nos últimos 5 anos e a Axencia Tributaria certifica o aumento de importacións de ameixa e berberecho de Francia, Italia e Portugal.
As causas de toda esta desfeita, afirmou Rosana Pérez son as choivas de decembro e xaneiro que produciron unha mortalidade brutal de marisco na inmensa maioría das rías galegas pola baixa salinidade da auga e o baleirado dos encoros porque as empresas que os xestionan levan anos desaugando “cando lles interesa” e causando graves danos a un sector marisqueiro xa debilitado.
A Xunta máis cerca das eléctricas que dos mariscadores e mariscadoras
Neste sentido, recalcou que levan anos facéndoo porque saben que lles sae gratis e “que non lles ten ningún tipo de consecuencia”. A Xunta sigue sen regular eses desaugamentos e sigue permitindo que as eléctricas sigan afectando impunemente ao medio ambiente e ás miles de mariscadoras e mariscadores que explotan os bancos marisqueiros das rías galegas.
Pero é máis, unha vez que se produce a mortaldade masiva, tampouco hai paro biolóxico para esas persoas. Vostedes esíxenlle 120 días traballados nos últimos 2 anos para que poidan acceder ás axudas. 120 días que non poden sumar porque, entre outras cousas, vostedes non impiden estas actuacións e priman “os beneficios das eléctricas por enriba do traballo das mariscadoras”. Mariscadoras da ría de Vigo, da ría de Arousa, da ría de Ferrol, atópanse coa negativa da Consellería a concederlle axudas. Agás a de Noia e os rañeiros da ría de Arousa, os demais seguen recollendo cunchas baleiras das praias, sen ter de que vivir e” coa Consellería mirando para outro lado”.
Unha consellería ausente ante os vertidos mineiros contaminantes
E das eléctricas, dixo, pasamos ás mineiras e no caso da autorización de Augas de Galiza dos vertidos de augas residuais da mina de San Finx, a consellería do Mar “está directamente desaparecida”.
A pasada fin de semana manifestáronse miles de persoas en Noia, incluídos os alcaldes do PP desa comarca, polo risco que supoñen para a ría eses vertidos.
Case 900.000 metros cúbicos de auga contaminada na fase de vaciado e 632.000 cada ano na fase de explotación cunha autorización por 5 anos. É dicir, 4 millóns de metros cúbicos de auga contaminada que pon en risco un dos ecosistemas máis ricos de Galiza e o futuro de 5.000 postos de traballo directos na ría de Muros e Noia. A consellería, unha vez máis “nin está nin se lle espera”.
Estamos diante dunha actividade irregular, que non conta con declaración de impacto ambiental e dunha autorización de vertidos que avala esa ilegalidade.
“Vostede ten competencias exclusivas en marisqueo e debera ser a principal garante da riqueza da ría de Muros e Noia. Debería ter analizado o impacto ambiental, económico e social que se podería provocar cos vertidos e coa actividade mineira”.
A deputada preguntou á conselleira do Mar, “en que lado está” no caso dos encoros e da mina de San Finx” e advertiu que o máis probable e que a autorización remate “no xulgado”. Que vai facer a consellería ante un “despropósito” que o propio concello de Noia “por unanimidade” reclama sexa declarado “nulo”.
Na súa intervención, a conselleira do Mar eludiu responder as cuestións formuladas pola deputada nacionalista ao que a deputada do BNG replicou repreguntando que medidas vai tomar para protexer os sectores da pesca e marisqueiro gravemente afectados polas decisións tomadas en Europa e os problemas provocados polos encoros e contaminación nas rías galegas.