O BNG pide explicacións pola "nefasta xestión de Renfe no avariado tren Barcelona-Galiza"

As deputadas do BNG no Congreso, Rosana Pérez e Olaia Fernández Davila, presentaron unha pregunta escrita na Cámara dirixida a Fomento pola “lamentábel xestión de Renfe no avariado tren nocturno Barcelona-A Coruña/Vigo do luns 22 á noite”.

Na iniciativa parlamentar recóllense os feitos acontecidos o pasado luns 22 pola noite. “O tren nocturno saíu de Barcelona ás 20.30 horas e chegou á Coruña e a Vigo 24 horas despois cando é un traxecto que se fai en 15 horas”. Un tren que tivo dúas avarías que o deixaron a 240 pasaxeiros sen calefacción e sen luz durante moitas horas. “O tren parouse por vez primeira no municipio burgalés de Villaquirán ás 3.28 hora da madrugada, e permaneceu parado ate as 7.30 horas”.

Denuncian as parlamentares do BNG que os viaxeiros soportaron un frío xélido e que a única iniciativa adoptada por Renfe foi a de repartir mantas. “Despois chegou unha máquina de reposto desde Miranda do Ebro e perto das 8 horas da mañá se reiniciou a viaxe pero a unha velocidade moi baixa”. Pouco antes das 9 viría a seguinte avaría, o tren voltaba a pararse nun lugar entre Paredes de Nava e Villalumbroso en Palencia.

“Pior non se puido facer”

Outra vez os pasaxeiros tiveron que agardar dúas horas até que Renfe mandou un tren de media distanza pero moi limitado, con só tres vagóns o que obrigou a moitas persoas a ir de pé. “Un pesadelo de viaxe. Non chegaron á Coruña até as 19.30 horas, e a Vigo case ás 21 horas. É dicer, 24 horas de viaxe pasando frío, mal atendidos, sen información e con moitas incomodidades”.

Critican as deputadas do BNG a “cicateira compensación que ofreceu Renfe. Loxicamente os pasaxeiros teñen dereito a recibir o 100% do billete, así consta nas condcións do título de Renfe cando as demoras son maiores a unha hora. Pero a única compensación a tan mala xestión que deu Renfe foi un billete gratis de ida e volta a desfrutar antes do 31 de marzo, aínda por riba con límites”.

As deputadas do BNG consideran que os viaxeiros deberían ser indemnizados economicamente. Rosana Pérez e Davila dirixen a Fomento unha batería de preguntas para coñecer as causas das avarías do tren, se se fixo unha revisión desta máquina, para saber de que época é o material rodante desta liña e para demandarlle a Renfe melloras nesta conexión con “trens obsoletos e propios do transiberiano”.

Preguntan ao Ministerio se considera que “foi maneira de tratar a 240 pasaxeiros que en lugar dunha viaxe en tren parecía que estiveran nunha Gimkana”. Consideran que Renfe tiña que ter adoptado outras medidas en lugar de deixar aos viaxeiros horas metidos nun tren conxelado.