congreso

BNG pide explicacións ao MITMA pola avaría no Tren Alvia en Taboadela e reclama un Plan de Mantemento eficaz

Néstor Rego
Néstor Rego denuncia o incremento de incidencias nos trens galegos e pide a renovación do material rodante

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, dirixiuse ao Ministerio de Transportes (Adif/Renfe) para pedirlle explicacións pola situación xerada onte á noite no Tren Alvia 10211 debido a unha avaría no vagón de cola que obrigou a paralizar o tren á altura de Taboadela.

Este Alvia facía a conexión Santiago de Compostela-Madrid e sufriu unha incidencia por presencia de fume no último vagón do tren. Tivo que ser evacuado en torno ás 21 horas da noite.

Informouse en tempo e forma aos viaxeiros?

As queixas de viaxeiros e viaxeiras do tren multiplicáronse nas redes sociais por mor da falta de información por parte de Adif. Afirman que permaneceron durante máis dunha hora retidos no tren. Logo foron evacuados e tiveron que agardar na plataforma coas súas equipaxes até seren trasladados a Ourense.

Pola súa parte, Adif informou através dun chío ás 21:21 horas que o tren Alvia mencionado tivera que ser paralizado en Taboadela e que procedía a evacuar aos viaxeiros. Logo ás 22:43 indicaba que xa se restablecera a circulación por outras vías. Aínda que se marcaba un retraso de hora e media, o certo é que os viaxeiros afectados subiron ao novo tren despois das 00:0h.  

Acabar coa sucesión de avarías nos trens galegos

Rego exixe ao Ministerio que informe sobre esta incidencia. “Cales foron as causas do fume no vagón de cola” e quer saber se se  trata dunha avaría relacionada coa falta de mantemento. Pregunta cal foi a última vez que se revisou este tren Alvia.

Interpela á compañía ferroviaria sobre as queixas dos usuarios pola falta de información e reclama a devolución do importe íntegro dos billetes polo sucedido.

O deputado do BNG denuncia o incremento de avarías e incidencias nos trens na Galiza desde o inicio de setembro, especialmente no Eixo e nos trens de media distancia. “Agora tamén nos Alvia de longo recorrido” e require que se poña en marcha un plan para a renovación e mantemento dos trens.

Interroga ao Ministerio sobre as causas que “están detrás do aumento das avarías e incidencias nos trens galegos. O Ministerio ten que dar información sobre os investimentos realizados en mantemento e sobre a periodicidade das revisións dos trens”. Empraza ao Executivo a contemplar un Plan de Mantemento e Revisións adecuado, xunto cun programa de renovación do material rodante que evite a reiteración destas situacións”.