BNG pide explicacións ao goberno polos vertidos contaminantes no regato Piñor que verte as súas augas no río Furelos
Xosé Luís Rivas considera un “sarcasmo” que a actual conselleira de Medio Ambiente e ex-alcaldesa de Melide, Ánxeles Vázquez non reaccione ante as denuncias da cidadanía melidense polas continuas verteduras
Critica o “dobre raseiro” de Ethel Vázquez que agora responsabilice do saneamento ao o goberno municipal de Melide e non o fixera durante os dous mandatos de Ánxelez Vázquez
O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas (Mini), formulou unha pregunta ao goberno sobre as medidas adoptadas contra os vertidos contaminantes no regato Piñor que verte as súas augas no río Furelos.
O parlamentario considerou “un sarcasmo” que a máxima responsable de Medio Ambiente e ex-alcaldesa de Melide, Ánxeles Vázquez permaneza “impasible” ante as denuncias da cidadanía melidense polos vertidos contaminantes no regato de Piñor a primeiros de xullo deste ano procedentes do Polígono da Madalena de Melide.
O deputado explicou que o regato de Piñor verte as súas augas no río Furelos, en terreo da Rede Natura, e monte veciñal e pode observarse “unha derivación das augas do regato” a través “dunha canle de 60 cms de ancho” situado na parte alta dunha extensión de 2 hectáreas con varios regos perpendiculares para repartir “as augas contaminantes” por toda a superficie inzada de pozas naturais existentes cunha considerable poboación de parrulos silvestres que logo deste “percorrido infecto” regresan pola zona baixa ao regato de procedencia polo medio e medio dun camiño público.
O deficiente saneamento das augas residuais e vertidos de orixe industrial do Polígono da Madalena é un asunto vello e sen resposta por parte das institucións ao que agora debemos sumar vertidos ao río Furelos con “desviacións inexplicables” para posteriormente retornar, tras un longo “paseo purificador polo espazo da Rede Natura”.
Neste sentido, preguntou polas actuacións do goberno porque a cidadanía melidense está moi cansa de tanta indolencia, “da apatía e dos brindes ao vento”.
Ethel Vázquez responsabiliza ao concello de Melide
Tras a resposta da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez que afirmou que o saneamento é competencia do concello e criticou a negativa municipal para levar adiante o proxecto de eliminación do vertido, o deputado do BNG replicou que curiosamente, durante os dous mandatos do goberno do PP con Ánxeles Vázquez, “a consellería non exixiu nada ao concello”. Todos e todas, dixo, estamos fartos e fartas deste “pim,pam,pum” e vostedes son expertos en culpabilizar aos de fora pero coa actual conselleira de Medio Ambiente como alcaldesa de Melide durante dous mandatos, “o goberno non denunciou ao concello nin o responsabilizou”. A vostedes, recalcou, o deputado “non lles preocupa o medio ambiente, nin a auga” porque o transvase do regato continua igual e alí ninguén se persoou.
O deputado do BNG recalcou que o 7 de setembro “o transvase continuaba intacto e os refugallos sen retirar” e reclamou unha EDAR industrial ante a ineficacia da proposta de Augas de Galiza de trasladar os esgotos do polígono á EDAR humana. Unha medida, que en opinión do nacionalista é “un disparate e totalmente ineficaz”.