O BNG pide explicacións ao Goberno por se negar a tramitar os expedientes sancionadores en galego

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, pediu explicacións ao Goberno nunha iniciativa parlamentar rexistrada na Cámara debido á conculcación dos dereitos lingüísticos dos manifestantes sancionados polo Goberno por manifestarse en agosto pasado de xeito pacífico pola visita de Merkel.

A deputada do BNG explica que a Subdelegación do Goberno de A Coruña remitiu a varias persoas que participaron nos actos de protesta uns expedientes sancionadores. “Ademáis da práctica dunh política represiva con identificacións indiscriminadas e inxustificadas, o Goberno acostuma a pechar o círculo co envío de inasumíbeis multas económicas a manifestantes”.

Os cidadáns teñen dereito a seren atendidos en galego

Unhas sancións que a Subdelegación do Goberno tramitou en español. Os sancionados, en uso do seu lexítimo dereito a seren atendidos en galego, reclamaron que os expedientes se tramitasen en lingua galega. “O Ministerio de Facenda através da Subdelegación do Goberno de A Coruña envioulles unha resposta sorprendente, negándose a reproducir todos os documentos sancionadores previos en lingua galega”.

Alega o Goberno que “o artigo 3.1 da Constitución non ampara a súa solicitude de tradución ao galego de todo o expediente, e dí: o castelán é a lingua española oficial do estado. Todos os españois teñen o deber de coñecela e o dereito a usala”. Unha resposta que conculca claramente os dereitos lingüísticos estabelecidos segundo os cais os cidadáns teñen dereito a seren atendidos na lingua que demanden, o galego é unha lingua cooficial.

O Goberno non contribúe a incentivar o uso do galego

Rosana Pérez subliña que estamos ante unha Administración estatal que non só “practica a represión policial cos cidadáns senón que ademáis lles nega os seus dereitos lingüísticos lexítimos e recoñecidos. Igual que esgrime a Constitución para só reivindicar a lingua española, podería moi ben esgrimir a Constitución española para pór en valor o recoñecemento das linguas cooficiais do estado porque tamén se recolle na Carta Magna”.

A deputada do BNG dirixe unha batería de preguntas ao Goberno para demandarlle o cumprimento das normativas en lexislación lingüística. “Non denota o Goberno unha actitude de absoluta falla de respecto para cos dereitos lingüísticos dos cidadáns? Qué disposición ten o Goberno a cumprir as normativas vixentes? Vai o Goberno a traducir ao galego todos os documentos dos expedientes sancionadores? Non sería o máis democrático? Por que lle custa tanto a este Goberno utilizar as linguas cooficiais do estado como o galego na súa atención aos cidadáns?”.

Rosana Pérez pón de manifesto a situación de “grave fraxilidade que vive a lingua galega como poñen de manifesto diversos informes. E desde logo, este tipo de actitudes por parte da Administración do Estado nada axudan a impulsar o seu uso”.