BNG pide explicacións ao goberno ante as irregularidades do parque eólico dos Cotos, en Cerdedo- Cotobade

Luís Bará
Luís Bará acusou ao goberno de defender un “modelo eólico depredador” para  favorecer intereses de empresas eléctricas e  futuras portas xiratorias

A través dunha pregunta ao goberno, o deputado do BNG, Luís Bará preguntou ao  vicepresidente 2º e conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde,  que máis ten que pasar para que o Partido popular pare definitivamente a súa política eólica depredadora para favorecer ás grandes empresas eléctricas?

Na súa intervención, o nacionalista ademais de aludir ás irregularidades detectadas pola propia Xunta na documentación da empresa concesionaria do proxecto eólico dos Cotos , no concello de Cerdedo-Cotobade, e pedir a súa paralización, salientou a última sentencia do TSXG que cualificou de “contundente” por determinar que o goberno galego do PP “vulnerou as directivas comunitarias e lexislación ambiental”, e augurou que a esta sentencia haberá que sumarlle algunhas máis.

Por outra parte, no mes de novembro, explicou Bará, o Consello da Cultura deu outro “varapau” á política eólica da Xunta  solicitando  a elaboración dun novo plan sectorial eólico así como diversos  informes da Universidade de Vigo e o Observatorio eólico de Galiza  cuestionando  o modelo eólico da Xunta do Partido popular.

Bará afirmou que ademais de distintos colectivos sociais e ecoloxistas existe un “clamor” como o manifestado pola sociedade nas diferentes mobilizacións e os pronunciamentos de concellos de “todo signo político” pero a pesar de todo isto, a resposta da Xunta segue sendo a mesma, “pisar o acelerador, buscar atallos e modificar as leis para favorecer descaradamente os intereses das grandes  empresas”. Nesta liña, acusou ao PP de ser “unha xestoría” ao servizo das grandes empresas eólicas.

O parque dos Cotos é un claro exemplo do proceder do Partido popular sacando a información pública o proxecto o 23 de decembro, “ en plenas datas de navideñas” e con 15 días de prazo para presentar as alegacións cando o mencionado proxecto foi aprobado dous meses antes no Consello da Xunta e debe estar exposta 30 días.

O propio alcalde de Cerdedo-Cotobade, narrou Bará viuse obrigado a saír publicamente ante as irregularidades e preguntou si estaban incluídas no proxecto aprobado polo Consello da Xunta porque de ser así, debe ser iniciada de novo toda a tramitación. Un proxecto promovido pola empresa Ecoener, unha empresa “amiga do goberno popular da Xunta e das portas xiratorias”, aseverou.

O proxecto, explicou, ten un grande impacto sobre seis parroquias con 30MW, seis muíños de 5MW de 200 metros de altura e  non conta co apoio  das comunidades de montes, colectivos veciñais e mesmo do propio concello que aprobou unha moción para rexeitar o parque.

Ante todo o exposto, preguntou ao conselleiro se a Xunta continuará apoiando este proxecto e as grandes empresas eólicas ou pola contra, vai escoitar á xente e ao concello.

Tras a intervención do conselleiro que mostrou a súa satisfacción polo desenvolvemento  económico ordenado da  Xunta e acusou ao BNG de sectarismo, o nacionalista replicou que si se refería “ao sectarismo do TSXG, ao sectarismo do Consello da Cultura Galega  ao sectarismo dos concellos que rexeitan os parques ou ao sectarismo do propio Observatorio eólico de Galiza”. Para o deputado, a Xunta está “na desobediencia da normativa europea, a lei de avaliación ambiental e as garantías da cidadanía” porque están “cometendo un atropelo contra os dereitos das persoas”.

 

Pola súa resposta, contestou Bará, deduzo que “a Xunta non vai cambiar nada” porque queren seguir engordando os intereses das eléctricas pero  a veciñanza de Cerdedo-Cotobade xa presentou máis de 700 alegacións contra este parque e mesmo, o  pleno do concello que gobernan vostedes, “aprobou unha moción contra o parque”.

 

Bará concluíu a súa intervención anunciando que o BNG e o concello de Cerdedo-Cotobade non permitirán que este proxecto “irregular” continúe a súa tramitación.