BNG pide explicacións ao Goberno do PP pola supresión no organigrama de Medio Rural da Axencia de Industria Forestal
A deputada Montse Valcárcel faise eco das críticas do sector, que non entende que este organismo pase a formar parte da Consellería de Industria
A responsable de Montes e Industrias Forestais no goberno alternativo do BNG, Montserrat Valcárcel, pedirá explicacións no vindeiro pleno do Parlamento Galego pola supresión da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) da Consellería do Medio Rural.
A deputada argumenta que a XERA, creada en 2017, “contaba co consenso do sector de estar albergada nunha única consellería, na que se xestionaba todo o monte”, e quere saber “por que se suprime e por que se levan todas as súas competencias á Consellería de Industria”. Este cambio, denuncia, é “un menosprezo do medio rural, sobre todo cando se ten que xestionar de forma conxunta todo o monte, tendo en conta tamén o sector agrario e gandeiro”.
A XERA é unha axencia pública autonómica adscrita ata o pasado mes de abril á Consellería do Medio Rural con personalidade xurídica propia. Ten como finalidade actuar como instrumento de xestión eficiente para o impulso da actividade económica asociada á industria forestal, coa mellora da competitividade e da innovación das empresas do sector e coa coordinación dos centros de investigación e tecnolóxicos vinculados ao monte.
Entre os obxectivos da axencia -explícase na exposición de motivos da pregunta que o BNG formulará no Pleno- están o de “mellorar a competitividade e a innovación das empresas forestais, incentivar o deseño de produtos derivados do sector, na procura de solucións estruturais verdes que contribúan co ambiente”. Favorece ademais á creación de emprego de calidade no medio rural e incentiva a mellora da formación e a cualificación do persoal empregado na actividade forestal.
A deputada do BNG faise eco da inquedanza que provocou en diversas asociacións de propietarios de montes e de empresarios o cambio da XERA no organigrama da Xunta, posto que desde a creación desta axencia logrouse que todo o sector se articulase nunha única consellería, conseguindo “crear sinerxías que foron moi favorables para todo o sector”. Lamentan ademais o cambio porque, xusto agora, “se estaba preto de concretar unha iniciativa público-privada para reforzar o I+D en toda a cadea forestal”.
Como exemplo destas sinerxías que subliña o sector, Valcárcel sinala a fabricación en Galiza de madeira laminada CLT, “un logro dese bo entendemento entre o sector público e privado promovido pola XERA, igual que a Fundación Arume”.
Na exposición de motivos da iniciativa que se tratará no próximo pleno, o BNG reprocha ao Goberno do PP que desde Xera “íase seguir traballando para a elaboración do Plan Forestal, Inventario Forestal, Plan Estratéxico da Industria Forestal-Madeira.”