BNG pide que se exclúa á frota de baixura da aplicación da xeolocalización e da declaración telemática previstas pola UE
Ana Pontón: “Non ten sentido e demostra que Bruxelas ignora a realidade da frota artesanal, que necesita que a lle deixen traballar, non máis controis”
Pide total apoio á JEALSA tanto con liñas de crédito como axudas directas, para que saía fortalecida unha factoría clave para Barbanza e para Galiza
A portavoz nacional, Ana Pontón, sumouse desde Ribeira ás mobilizacións convocadas en todo o País pola frota de baixura en protesta polo regulamento de control pesqueiro que ultima a Unión Europea incluíndo medidas que carecen de sentido cando se trata da pesca artesanal, en particular cuestións como a xeolocalización e a declaración telemática de capturas.
“Total apoio a esta convocatoria e as reivindicacións da frota de baixura fronte a un regulamento inxusto que establece máis controis sobre unha frota que está hipercontrolada. Esta situación volve demostrarnos que desde a Unión Europea non coñecen cal é a realidade do sector pesqueiro galego”, salientou a líder nacionalista.
O Bloque considera que “aínda se está a tempo de modificar algunhas das cuestións máis lesivas dese regulamente que non debería aplicarse á frota de baixura, xa moi controlada, que necesita máis medios para realizar unha actividade pesqueira sostible e esencial para o noso País”, argumentou Pontón.
Este regulamento, denunciou, “fai inviable o funcionamento para moitas artes de pesca en Galiza, implica un sobre control que non aporta nada porque o que necesita a xente do mar é que a deixen traballar e non imposición de máis e máis controis dunha frota xa moi controlada. Por iso desde o BNG pedimos que se exclúa á frota de baixura da aplicación deste regulamento porque carece de sentido”.
Pontón tamén criticou a “hipocrisía” dun PP e dun PSOE que en Bruxelas “votaron a favor deste regulamente”.
Antes de participar na mobilización en Ribeira, a portavoz nacional, xunto coa portavoz parlamentaria de Pesca, Rosana Pérez, e outros responsables locais e comarcais do BNG, fixo unha visita á planta de JEALSA en Boiro, tras o incendio sufrido fai uns días. Visita que aproveitou para trasladar o apoio do Bloque, para poñer en valor a profesionalidade dos servizos de extinción e para solicitar a máxima implicación de todas as partes para que esta factoría recupere a normalidade canto antes.
“JEALSA é un motor económico non só para a comarca do Barbanza senón para toda Galiza e, por tanto, é necesario que teña todo o apoio das institucións para afrontar o proceso de reconstrución e para fortalecer un sector básico como o da conservar e, en particular, unha empresa emblemática da que depende tanto emprego”, salientou Pontón, subliñando que o Bloque “ofrece toda a colaboración porque é básica e aquí estamos falando tanto de liñas de crédito como de axudas directas para os proxectos que ten definidos á dirección”.
A portavoz do Bloque trasladou todo o apoio da formación tanto á dirección como aos traballadores e traballadoras ante un desastre que puido ser maior, como explican desde a empresa. “Están en disposición de encarar o futuro con optimismo e pensamos que esta crise ten que converterse nunha oportunidade que permita a JEALSA saír reforzada das cinzas que deixan o incendio”, explicou tras o encontro coa representación da factoría encabezada polo presidente da conserveira, Jesús Alonso Escurís.
Pontón tamén fixo un recoñecemento expreso aos servizos de extinción “polo seu labor excepcional coa máxima rapidez e profesionalidade evitando consecuencias maiores tras unhas imaxes que nos encolleron a todas”, indicou, tras indicar que “se aprendeu dos erros doutras ocasións e se fixo un gran traballo que é necesario poñer en valor”.
En definitiva, concluíu, “decido apoio do BNG para que canto antes se poña a funcionar un complexo que é un dos corazóns industriais da comarca, trasladando ese apoio tanto á dirección como ao conxunto de traballadores e de traballadoras, primeiras interesadas en retomar a normalidade”.