BNG pide un estudo sobre desigualdade no rural
A deputada do BNG, Carme Aira reclamou elaborar un “estudo sobre desigualdade no rural” para incidir nos aspectos máis lesivos para a muller neste ámbito. A través dunha proposición non de lei defendeu reforzar as medidas de conciliación e corrixir as axudas da PAC para as mulleres, na actualidade inferiores ás que reciben os homes.
Para que as mulleres rurais melloren as súa situación, dixo, é preciso coñecer a realidade da “desigualdade” neste ámbito e poñer en marcha políticas que favorezan a conciliación, a fixación de poboación e rendas que permitan “unha vida digna” aos seus habitantes.
Os datos publicados, tras o 8 de marzo, explicou a nacionalista confirman que “o 57% das perceptoras da PAC, son mulleres pero cobran axudas “un 40% inferiores aos homes”. A media de prestacións nos homes é de 9.736€ por 4.106€ que reciben as mulleres o que supón unha diferenza de 5.630€.
A deputada tamén aludiu ao informe do IGE sobre os salarios do sector situando en 16.606 euros para os homes e 12.636 para as mulleres, de novo, dixo “estamos ante unha diferencia salarial”, neste caso de 3.970 euros. Por outra banda, engadiu que tampouco existe igualdade no cobro de pensións xa que un 80% dos homes cobran a pensión íntegra fronte a un 5% de mulleres.
Para a nacionalista, resulta evidente a existencia da fenda de xénero no rural e criticou a “falta de políticas reais para corrixir esta discriminación”. Polo tanto, afirmou” queda de manifestou que a incorporación da muller ao tecido produtivo de rural continua sendo “unha cuestión pendente. Sen dignidade económica non hai dignidade persoal”, recalcou.
As mulleres demandan formación técnica especializada agropecuaria, en dixitalización e novas tecnoloxías, demandan capacitación en xestión pero tamén demandan ter representación nos órganos de decisión porque só o 46% das persoas socias de entidades son mulleres, o 16% nos consellos reitores e o 6% nas presidencias.
Fondos da PAC con perspectiva de xénero
Dende o BNG, afirmou Aira, consideramos “imprescindible” que os fondos da nova PAC e os Next Generation sexan usados baixo “unha perspectiva de xénero real” co fin de corrixir a fenda dixital e salarial así como medidas de conciliación, formación especializada e un cambio do modelo de coidados que sexa humano e útil para as persoas coidadas e as coidadoras.
A deputada remarcou que son necesarias medidas para a formación especializada das mulleres cara á súa cualificación, dotación de servizos que favorezan a conciliación, campañas para favorecer a corresponsabilidade, acceso das mulleres aos órganos de toma de decisións, como os consellos de administración das cooperativas ou das industrias agroalimentarias, e sobre todo, “darlle un verdadeiro enfoque de igualdade ás axudas da PAC para corrixir que habendo máis mulleres que cobran axudas estas sexan de media, a metade do que cobran os homes”.
A parlamentaria do BNG, Carme Aira lamentou que o Partido popular impedira cos seus votos en contra que prospera a iniciativa nacionalista.